DOA. Dialectoloxía cidadá
DOA é un proxecto de ciencia cidadá que ten como obxectivo recadar e difundir coñecemento sobre a diversidade do galego falado actual. O proxecto procura a participación activa do público para que proporcione información, documente exemplos, achegue información de uso e de xeito xeral colabore no mellor coñecemento do galego. DOA enmárcase no conxunto de accións de investigación desenvolvidas en variación lingüística no ILG da Universidade de Santiago.
DOA é unha palabra moi pequena, pero grande no seu significado. Apela á contribución dos falantes, que se converten en doadores, e tamén á colaboración individual nunha obra colectiva, coma as doas que se enfían para conformar un abelorio. Os resultados das campañas de enquisas do proxecto ofreceranse na páxina web de DOA e iranse incorporando a outros proxectos de documentación léxica do ILG.