Seminario Filologías Digitales hoy
Do 7 ao 10 de febreiro celebrouse na Facultade de Filosofía y Letras da Universidad de Extremadura o Seminario Filologías Digitales hoy. Teoría y práctica para la docencia y la investigación.
Neste encontro participou a investigadora do ILG Marta Negro Romero, quen pronunciou unha comunicación titulada "Recursos digitales para la lexicografía gallega contemporánea".
Na súa intervención, a investigadora falou dos recursos dixitais en aberto que posúe o ILG para o estudo do léxico galego, e centrouse en tres deles: o Dicionario de dicionarios, tesouro constituído por dicionarios e outros materiais lexicográficos datados desde o século XVIII ata o XX; o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, corpus de textos escritos do galego moderno, e o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, base de datos léxica que recolle información de traballos sobre léxico dialectal do galego, do portugués de Portugal e do portugués do Brasil. Ademais, Marta Negro presentou brevemente outros recursos de xeografía lingüística e algún corpus oral que resultan de grande utilidade para o traballo lexicográfico.