O Instituto da Lingua Galega da USC compila o galego oral nun corpus con dúas mil horas de gravacións

Data: 
venres, Maio 27, 2011 - 01:45
Imaxe: 
Dúas mil horas de gravacións a 7.000 informantes da práctica totalidade dos 315 concellos galegos e de boa parte dos 38 das comarcas de fala e cultura galegas de Asturias, León e Zamora e de tres lugares de Cáceres conforman o Arquivo do Galego Oral(AGO) do Instituto da Lingua Galega (Ilg) da USC que se presentou este venres en Fonseca. No acto participaron o reitor Juan Casares, o director e subdirectora do Arquivo, Francisco Fernández Rei e Carme Hermida, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.
Dende a súa fundación en 1971 -este ano cúmprese o seu corenta aniversario- a recolleita sistemática do gale­go oral foi unha das principais liñas de investigación do Instituto da Lingua Galega da USC. Os investigadores compilaron este material fundamentalmente para redactar monografías gramaticais e léxicas de parroquias e concellos ou nomenclaturas da flora e fauna de todo o litoral galego, ou ben para cartografalo no caso do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), que comezou a editarse en 1990 .
De xeito practicamente ininterrompido, desde o ano 1974 á actualidade persoal investigador do Instituto realizou gravacións de etnotextos (mostras do galego oral recollidas a xente “anónima”que trataba algún tema referido á súa vida, ás manifestacións da cultura popular, etc) en moitos puntos do dominio lingüístico galego á vez que dirixiu traballos académicos nos que o material fundamental para analizar era unha mostra do gale­go oral. Esas gravacións, xunto con outras en depósito de xente allea ao Ilg, constitúen o Arquivo do Galego Oralco que se pretende construír un corpus de interese multidisciplinar para estudar a situación da lingua oral.
Os seus principais obxectivos son a posta en rede dun banco de textos orais co que configurar unha especie de atlas da oralidade e a realización dun corpus informatizado do galego oral para o estudo léxico e gramatical. Como retos máis inmediatos propóñense inventariar e catalogar todo o material dos subarquivos que contén o AGO, pendurar en internet mostras de etnotextos agrupados tematicamente e representativos das áreas lingüísticas do galego e á vez actualizar e completar as coleccións de textos e outras gravacións.
O proxecto que hoxe oficialmente se presenta na rede é concretamente o inicio do primeiro deses dous obxectivos citados. Trátase dunha escolma de 43 etnotextos correspondentes a 34 concellos galegos que tratan na súa maioría sobre a guerra civil e a posguerra, pero tamén sobre crenzas, lingua ou festas, romarías e costumes.
 
Subarquivos
O AGO consta de cinco subarquivos, dos que tres son de etnotextos con mostras de galego esencialmente popular: un de gravacións da década de 1970 do Atlas Lingüístico Galego (unhas 30 horas); outro de textos da década de 1980 (sobre 350 horas correspondentes a unhas 800 localidades); e un terceiro de 1992 á actualidade, o de maior volume cunhas 1.000 horas gravadas a máis de 5.000 informantes en 305 dos 315 concellos de Galicia (e tamén das comarcas estremeiras de fala e cultura galegas de Asturias, León e Zamora e dos tres concellos de Cáceres onde existen falas esencialmente galegas), gravacións practicamente todas dixitalizadas e clasificadas tematicamente.
O cuarto subarquivo é o Cancioneiro Popular Galego de Schubarth e Santamarina (unhas 350 horas de gravación realizadas por Schubarth en 82 concellos de Galicia e en 13 das comarcas estremeiras, xunto con melodías de gravacións do ALGa e de varios arquivos musicais). O quinto subarquivo son textos galegos en rexistro culto (unhas 300 horas), especialmente conferencias sobre a realidade sociocultural de Galicia a cargo de especialistas en política, historia, etnografía, lingua ou literatura, así como presentacións de libros e diversos actos.
 
O equipo
O Arquivo do Galego Oral estivo dende a súa creación dirixido polo profesor Francisco Fernández Rei, con quen colabora na actualidade un importante grupo de persoas: Carme Hermida Gulías, como subdirectora, os investigadores Carme Ares Vázquez, Xosé Henrique Costas González, Ana García García, Carme García Rodríguez e Xavier Varela Barreiro, e o informático César Osorio.