A recolleita sistemática do galego oral foi unha das principais liñas de investigación do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela desde a súa fundación en 1971, seguindo o ronsel do traballo dialectal que se iniciara na Cátedra de Filoloxía Románica compostelá en 1966. Ese material recolleuse, fundamentalmente, para redactar monografías gramaticais e léxicas de parroquias e concellos ou nomenclaturas da flora e fauna de todo o litoral galego, ou ben para cartografalo no caso do material do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), que comezou a editarse en 1990.
Asemade, de xeito practicamente ininterrompido desde o ano 1974 á actualidade, diversos investigadores do ILG realizaron gravacións de etnotextos en moitos puntos do dominio lingüístico galego, á vez que dirixiron traballos académicos moi diversos nos que o material fundamental para analizar era unha mostra do galego oral con un ou varios informantes.
Estas gravacións, xunto con outras moitas en depósito de xente allea ó ILG, constitúen o proxecto Arquivo do Galego Oral (AGO) co que se pretende construír un corpus de interese multidisciplinar para estudar a situación da lingua oral e asemade contribuír a un mellor coñecemento da sociedade galega a través de moi diversas mostras do patrimonio inmaterial. Os principais obxectivos do AGO son a posta en rede dun banco de textos orais, co que configurar unha especie de atlas da oralidade, e a realización dun corpus informatizado do galego oral para o estudo fundamentalmente léxico e gramatical. Este corpus basearase nos textos consultables no sitio web, pero tamén noutros transcritos que non se pendurarán na rede.
Actualmente o AGO contén sobre 2.000 horas de gravacións, con voces duns 7.000 informantes correspondentes á práctica totalidade dos 315 concellos de Galicia e a boa parte dos 38 concellos das comarcas estremeiras de fala e cultura galegas de Asturias, León e Zamora. Tamén hai mostras das falas esencialmente galegas dos tres “lugaris” dos somontes da Serra de Gata, en Cáceres.
O Arquivo consta de cinco subarquivos, tres deles de etnotextos con mostras de galego esencialmente popular (gravacións do ALGa dos anos 70, un bo quiñón de textos da década de 1980 e un inxente quiñón de textos de 1992 á actualidade). O cuarto é o subarquivo do Cancioneiro Popular Galego de Schubarth e Santamarina e o quinto son textos galegos en rexistro culto. O subarquivo de etnotextos de 1992 á actualidade, que é o de maior volume, contén máis de mil horas gravadas, practicamente todas dixitalizadas e clasificadas tematicamente.
A DGICYT do Ministerio de Educación y Ciencia subvencionou o proxecto Recollida e transcrición de etnotextos para a creación do ADLG (Arquivo Dialectal da Lingua Galega (PB91-0784), para executar entre xullo de 1992 e xullo de 1995; e posteriormente a Dirección Xeral de Universidades da Xunta de Galicia concedeu o proxecto Actualización do Arquivo do Galego Oral (XUGA-24001-B96) para executar entre 1996 e 1998. Mercé a estes proxectos Francisco Fernández Rei, que era o investigador principal, e Carme Hermida Gulías, membro do equipo investigador, comezaron en 1992 a organizar ese Arquivo da oralidade e prepararon a edición do audio-libro A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), que se pode consultar na ligazón www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php.
No 2007 iniciouse unha nova xeira cando a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia asinou co ILG un convenio de colaboración que permitiu contar, en principio, con dúas bolsas e actualmente cunha persoa contratada para colaborar nos obxectivos inmediatos do AGO, que son inventariar e catalogar todo o material dos subarquivos que contén, pendurar en internet mostras de etnotextos agrupados tematicamente e representativos das áreas lingüísticas do galego e á vez actualizar e completar as coleccións de textos e outras gravacións.
A dixitalización das máis de mil horas de material do subarquivo de etnotextos dos últimos vinte anos realizouse basicamente con axuda do convenio coa Consellería de Innovación e Industria Traballos para a conservación en soporte dixital dos materiais lingüísticos e para a difusión por internet dos resultados de investigación (2007-2008). Tamén se dixitalizaron gravacións mercé á axuda do Grupo de investigación “Filoloxía e Lingüística Galega (GI-1743 USC) e á axuda a Grupos de referencia competitiva, da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
O Arquivo do Galego Oral do ILG existe mercé á xenerosidade de varios milleiros de galegofalantes que doaron as súas voces e á xenerosidade de centos de persoas que andaron mil e un camiños da Galicia administrativa e das comarcas estremeiras (e dos somontes da Serra de Gata) para recolleren esas voces que agora en audio e en transcrición queremos ir entregando á sociedade que creou a lingua galega, e tamén á comunidade científica.
Os dereitos sobre o Arquivo do Galego Oral (AGO) e os programas informáticos asociados pertencen ó Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
Permítese a utilización dos materiais de audio e de texto do AGO para fins de investigación, docentes e xerais. Queda explicitamente prohibido o seu uso con ánimo de lucro sen permiso expreso e por escrito. Para esta finalidade (e para calquera tipo de consulta) cómpre poñerse en contacto co equipo de investigación no enderezo ago.ilg@usc.es.
A forma de citar o material do AGO axustarase ó seguinte formato:
AGO = Fernández Rei, Francisco (dir.) (2010-): Arquivo do Galego Oral. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.es/ago/ [Consultado: <data>]
O equipo actual do proxecto Arquivo do Galego Oral do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) constitúeno os seguintes membros:
Director
Francisco Fernández Rei (1992-)
Subdirectora
Carme Hermida Gulías (1992-)
Investigadores
Concepción Álvarez Pousa (2014-)
Carme Ares Vázquez (1996-)
Xosé Henrique Costas González (2005-)
Ana García García (2007-)
Carme García Rodríguez (2006-)
Xavier Varela Barreiro (1992-2007, 2011-)
Dixitalización dos textos
Alberto Iglesias Cordero (2008-)
Administración do sistema informático
César Osorio Peláez (2008-2015)
Juan Jesús Gómez Noya (2015-2016)
No apartado Subarquivos do AGO dáse información precisa de quen no seo do ILG traballou na conformación do Arquivo desde a súa creación, e moi particularmente das persoas que na década de 1990 traballaron na recolleita, transcrición e informatización dos etnotextos, unha década que é un esteo fundamental no conxunto do material deste Arquivo da oralidade.
O audio de cada texto do AGO acompáñase dunha dobre transcrición, semifonolóxica e estandarizada. A primeira está pensada, fundamentalmente, para persoal docente e investigador da lingua galega e para profesionais dos medios de comunicación, a dobraxe, a interpretación e outros que usan habitualmente o galego oral; a estandarizada pensouse para lles facilitar a lectura dos textos a persoas alleas á lingüística, particularmente a especialistas en etnografía, antropoloxía, historia ou na situación sociocultural de Galicia presente en moi diversos textos.
I. TRANSCRICIÓN SEMIFONOLÓXICA
Contén a maior información fonética e fonolóxica posible, sen chegar a que resulte incomprensible para o público xeral, para tratar de reproducir a oralidade da forma máis aproximada, particularmente timbres das vogais, resultados de encontros vocálicos, fenómenos dialectais consonánticos relevantes (seseo, gheada, rotacismo…) e realización dalgúns fonemas consonánticos na cadea fónica. Para esta transcrición partiuse das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG, 200318), adoptando as seguintes convencións:
a) Os fonemas de grao medio-fechado (tónicos ou átonos) non levan ningún tipo de indicación do timbre: tona, estonar, parede, emparedar.
b) Os fonemas de grao medio-aberto márcanse cun acento grave (`), tanto os tónicos (vèllo, esquèces, hòme, vòtas) coma os átonos (vèlliño, esquècer, hòmiño, vòtar). Cando coinciden vogal de grao medio-aberto e til de acentuación úsase un acento circunflexo (^): vên, ê, tamên, fôra, ôso, nôs.
c) O e aberto da contracción das preposicións a e pra ou pa (variantes reducidas de para) coas formas dos paradigmas il, ela… iste, esta… márcase con til grave: foron è’la ‘foron a ela’, pr’èl ‘para il’, pr’èsta ‘para esta’; e o mesmo en casos de formas como onda cos mesmos pronomes: ond’èl ‘onda il’.
d) O o aberto resultante da habitual contracción da preposición a e da conxunción ca co artigo o(s) márcase cun acento circunflexo: ô(s) ‘ó(s)’, cô(s) ‘có(s)’, mentres que o resultado da contracción das formas pra e pa con ese artigo márcase cun ò: pr’ò(s), p’ò(s) ‘para o(s)’.
e) O o aberto do encontro das preposicións a e pra ou pa co indefinido un(s), unha(s) márcase cun til grave: ò’n ‘a un’, pr’ònha ‘para unha’. E o mesmo se fai cando por fonética sintáctica dúas vogais átonas (a + o, a + u) contraen nun o aberto: pr’ònde ‘para onde’, èr’òn neno ‘era un neno’, nunc’ò vin ‘nunca o vin’. O apóstrofo indica a elisión dunha vogal cando na escrita hai dúas palabras, pero non se usa cando se trata dunha soa palabra gráfica: collíòs ‘collíaos’.
f) O o longo resultante do encontro de o + o márcase con (É) en casos como deixoÉ ‘déixoo’, tod’oÉ día ‘todo o día’. Neste sintagma o resultado dese encontro pode ser vogal aberta: tod’ò día.
a) A vogal central baixa palatalizada márcase cunha diérese: märisco ‘marisco’, Cämäriñäs ‘Camariñas’.
b) O a máis aberto márcase cun til grave: i-àghora ‘e agora’, n’à vin ‘non a vin’. Emprégase un acento circunflexo nas contraccións da preposición a e da conxunción ca co artigo a(s): â(s) ‘á(s)’, câ(s) ‘cá(s)’. O resultado da contracción das formas pra e pa con ese artigo márcase cun à: pr’à(s), p’à(s) ‘para a(s)’.
c) Nos demais casos de encontro de a + a ou de vogal de grao medio coa vogal central, se o resultado da crase é un a máis aberto, márcase esa abertura cun acento grave: x’às vin ‘xa as vin’, unh’àvèría ‘unha avaría’. O apóstrofo indica a elisión dunha vogal cando na escrita hai dúas palabras, pero non se usa de haber unha soa palabra: collíàs ‘collías’.
a) A realización fricativa faringal ou laringal (xorda ou sonora) de /g/ márcase co dígrafo <gh>: ghamèla ‘gamela’, cheghín ‘cheguei’, soghro ‘sogro’.
b) A realización fricativa velar xorda de /g/ márcase co dígrafo <kh>: kherra ‘guerra’, nekhro ‘negro’, dominkho ‘domingo’.
c) Nos castelanismos empréganse os mesmos dígrafos da gheada para reflectir a pronuncia de formas non adaptadas foneticamente do texto oral:ekhemplo ‘exemplo’ (cast. ejemplo), san Khuan ‘san Xoán’ (cast. San Juan); vieghos ‘vellos’ (cast. viejos), coleghio ‘colexio’ (cast. colegio).
d) O enxordecemento da velar do grupo ng tanto en formas galegas como en castelanismos márcase coa grafía <c>: nincún ‘ningún’, dominco ‘domingo’, vencarse ‘vengarse’, venca! ‘veña!’ (cast. venga!).
Se o texto non presenta seseo, empréganse os grafemas habituais do galego: <x> para a fricativa lámino-postalveolar xorda (a “prepalatal” de coxo, caixa, dixen); <s> para a fricativa ápicoalveolar xorda (o s “apical” de coso, nasa, peseta); < z> ante <a, o, u> e <c> ante <e, i> para a fricativa interdental xorda (cozo, zume, centeo).
Na transcrición dos textos das áreas seseantes cómpre ter en conta o seguinte:
a) O grafema <ç> representa unha fricativa lámino-alveolar xorda (o s “predorsal” de dança ‘danza’, çègho ‘cego’, çèmpre ‘sempre’), mentres que <ç> indica a correspondente sonora en falas arraianas (coçer ‘cocer’).
b) O grafema <s> representa a fricativa ápico-alveolar xorda (o s “apical” de casa, pásame, sabes), mentres que <s> indica a correspondente sonora arraiana (casar ‘casar’, os ollos ‘os ollos’).
c) O ceceo (e o s lámino-alveolar moi “dentalizado”) márcase coas grafías habituais para a fricativa dental xorda: zaber ‘saber’, zòlo ‘só’, zubes ‘sobes’, cète ‘sete’, zi ‘si’.
d) O grafema <x> representa a sibilante lámino-postalveolar xorda (a “prepalatal” de dixen, xa), mentres que <j> ante calquera vogal indica a correspondente sonora en falas arraianas (ja ‘xa’, queijo ‘queixo’, prijel ‘pirixel’, jente ‘xente’).
e) O grafema <x> representa a sibilante lámino-postalveolar xorda que “tende” a apico-alveolar (sexa,peixe). Se a “despalatalización” é total úsase o grafema <s> para a realización ápico-alveolar (seito ‘xeito’, hos ‘hoxe’).
a) O s aspirado cunha realización semellante á faringal ou laringal da gheada márcase co dígrafo <gh>: egh parvo! ‘es parvo!’, eghte ‘este’, agh caças ‘as casas’.
b) O s rotatizado indícase co grafema <r>: derde ‘desde’, or nenos ‘os nenos’.
c) O s implosivo parcialmente palatalizado márcase co grafema <x> (façíax ‘facías’) e co grafema x se a palatalización é total (casax ‘casas’).
a) O dígrafo <nh> emprégase para a ortografía da consoante nasal velar en formas do galego común unha ou algunha e en dialectalismos como unhos ‘uns’, facíanho ‘facíano’ ou tènhe ‘ten’. En falas do galego central existe a forma una (e alguna, ninguna), con nasal alveolar e non velar.
b) O n final de palabra en posición antevocálica únese cun guión á vogal seguinte cando é alveolar: tamên-os teño, non-os hai , quedan-os outros, quen-os viu?. Nestes casos, de non usarse o guión tal como se fai na escrita normalizada, enténdese que o n é velar, igual ca en formas como con aqueles ou ben armados.
A primeira consoante dos grupos cultos non se representa se non é pronunciada: dirètor ‘director’, òxèto ‘obxecto’, inòrante ‘ignorante’.
Para a representación dos restantes fonemas consonánticos do galego séguese a normativa gráfica vixente. O dígrafo <ll> (muller, mollo) representa unha lateral palatal sonora, que en moitas falas xa pasou a realizarse como oclusiva palatal voceada, que alterna con variantes aproximantes ou fricativas. Non se marca nos textos esa deslateralización tan xeneralizada en todo o dominio lingüístico galego. E mesmo se usa ll en castelanismos como alluntamiento (e non ayuntamiento).
a) Emprégase para sinalar elisións vocálicas de e, que se perde habitualmente no galego oral en contacto con outra vogal: contou qu’a truèra ‘contou que a trouxera’, colleull’o rapás ‘colleulle o rapaz’, hein d’ir èlí ‘hei de ir alí’, seich’èu ‘seiche eu’, na’Strada ‘na Estrada’.
b) Nos encontros vocálicos sinalados máis arriba: pr’èsta ‘para esta’, ond’èl ‘onda il’ (1.1.c); pr’ò (1.1.d); ò’n ‘a un’, èr’òn neno ‘era un neno’ (1.1.e); tod’ò día ‘todo o día’ (1.1.f); pr’à (1.2.b); x’às vin ‘xa as vin’ (1.2.c).
c) Nos casos en que aparece o alomorfo n’ do adverbio non: n’o vin ‘non o vin’, n’à vin ‘non a vin’, n’a quèro ‘non a quero’.
d) En textos do galego oriental con l, artigo masculino ou pronome persoal átono: como ta’l país ‘como está o país’, l’outro ‘o outro’, è qu’èu’l vexa ‘e que eu o vexa’. Tamén se usa no encontro coas preposicións a, para e formas reducidas pra ou pa: a’l riu ‘ó río’, pra’l lado de ‘para o lado de’, pa’l lugar ‘para o lugar’.
Utilízase nos seguintes casos:
a) Co alomorfo lo do artigo nos casos indicados na normativa vixente (colle-lo peixe, contóuno-lo que pasou…) e tamén noutros casos do galego oral que non se marcan na escrita: lído-los libros ‘lidos os libros’, a tres éuro-lo quilo ‘a tres euros o quilo’.
b) Coa conxunción copulativa i [j] para indicar que forma un ditongo coa vogal seguinte e que pode alterar o timbre da vogal: el i-o outro, el i-ò outro ‘el e o outro’, i-èles ‘e eles’, i-àgora ‘e agora’.
c) Co -n alveolar final en posición antevocálica, como se indicou en 2.4.b: non-as hai ‘non as hai’.
d) Para marca a elisión do -n final da negación non e de formas como san: no-mo dixo ‘non mo dixo’, no sa-Martiño ‘no san Martiño’.
e) Nos casos de asimilación de -s final ante s- ou r- iniciais, que son xerais no galego oral (o-santos ‘os santos’, o-ramos ‘os ramos’), e o mesmo a perda doutras consoantes (en pa-descanse ‘en paz descanse’).
f) Nos casos de ausencia do alomorfo lo coa preposición por, propia de falas lucu-aurienses: por-os camiños ‘polos camiños’, por-a noite ‘pola noite’
Á parte dos casos en que é regra o seu emprego (bilingüe, lingüista, caïamos…), tamén se usa:
a) para sinalar o i silábico en formas coma folïadas ‘foliadas’, manïobra ‘manobra’;
b) para indicar palatalización da vogal a, como se dixo en 1.2.a: märisco ‘marisco’.
Transcríbese cada texto tal como se reproduce no audio, sen alteración ningunha; con todo, ás veces úsanse as seguintes convencións tipográficas:
a) O signo de interrogación (?) indica que a forma transcrita é dubidosa. Se a dúbida corresponde a unha frase, úsase signo de interrogación no comezo e no final para enmarcar a totalidade da frase.
b) A paréntese en ángulo < > indica que se restauran unha expresión ou unha palabra pouco perceptibles.
c) Os puntos suspensivos entre parénteses redondas (…) indican que hai un corte na transcrición porque algunha palabra ou algún sintagma é totalmente imperceptible.
d) As parénteses cadradas […] indican que hai outra(s) persoa(s) na gravación cunha intervención que pode(n) facer variar o fío do discurso. Tamén se empregan para indicar que a persoa informante achega datos á marxe do se propio relato.
e) Úsase a letra E para a persoa que entrevista e I para o informante; se hai varios informantes úsanse as convencións I.1, I.2 etc.
f) Utilízase NN cando se oculta o nome dunha persoa no audio e na transcrición.
Non hai ningunha indicación tipográfica dos castelanismos dos textos. Respéctase a grafía habitual para h (hombre, hasta, ahora); pero no caso das grafías j, g para a fricativa velar xorda úsanse nos castelanismos os dígrafos cos que se marca a gheada (cf. 2.1.c): ekhemplo ‘exemplo’ (cast. ejemplo), vieghos ‘vellos’ (cast. viejos).
Os estranxeirismos adaptados total ou parcialmente á fonética galega transcríbense como se fosen formas plenamente galegas: xou ‘show’, ghobi (ou khobi) ‘hobby’, eslogan ‘slogan’, estop (ou estó) ‘stop’, pisa ‘pizza’.
Na transcrición da persoa que entrevista (E) non se marcan trazos fonéticos nin de fonética sintáctica, pero respéctase a súa morfosintaxe e léxico, mesmo posibles castelanismos, porque ás veces explican formas non agardadas na persoa entrevistada, particularmente despois da intervención de quen entrevista.
II. TRANSCRICIÓN ESTANDARIZADA
Trátase dunha escrita normalizada sen os convencionalismos especiais acabados de sinalar na transcrición semifonolóxica e con estandarización morfolóxica e léxica. Séguense en xeral as pautas codificadoras contidas nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG, 2003 18) e no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) (ILG-RAG 2004), de Manuel González González e Antón Santamarina Fernández (coords.). Moitas veces nesta versión estandarizada elimínanse reiteracións innecesarias da transcrición semifonolóxica para facilitar a lectura do texto.
No vocalismo non se marcan os timbres das vogais (pedra, esquecer, home, rodiña) nin as crases vocálicas inusuais na escrita (para esta, a unha festa e non pr’èsta e ò’nha festa), prescíndese de harmonizacións xerais de e ouo pretónicos (pedir, domingo e non pidir, dumingo), da palatización de ä (camiño, alí e non cämiño, älí) e do -e paragóxico (beber, eu, min e non bebere, eue, minhe).
No consonantismo non se sinalan marcadores sociolingüísticos como gheada, seseo e rotacismo (cego, Lugo, bos días e nonçegho, Lugho, bor días) e restáuranse os grupos cultos consonte coa normativa vixente (director, ignorante e non dirètor ou direutor nin inòrante).
Estandarízase a morfoloxía, polo que se eliminan dialectalismos (irmáns, este, ti, moito, trouxeron no canto deirmaos, iste, tu, muito e trueron) e castelanismos morfolóxicos (ata, sen, andara… e non hasta, sin, anduvera).
No léxico substitúense vulgarismos e castelanismos polos correspondentes termos do galego estándar (pobre, verdade e non probe, verdá; concello, moitísimo e non ayuntamiento, muchísimo), aínda que se conserva algún castelanismo, que aparece en cursiva, porque a forma estándar desvirtuaría o rexistro oral.
Nos estranxeirismos adaptados total ou parcialmente á fonética galega mantense a grafía da lingua orixinal, á marxe do grao de adaptación: show, hobby, slogan, stop, pizza…
Os actuais membros do proxecto AGO son os únicos responsables da dobre transcrición dos textos. Cando existía transcrición dun texto realizada pola persoa que fixo a gravación, retranscribiuse e adaptouse consonte cos criterios elaborados para as transcricións deste Arquivo.
O Arquivo do Galego Oral consta de cinco subarquivos1:
Son gravacións do período 1974-77, correspondentes ós etnotextos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) do Instituto da Lingua Galega (ILG), realizadas todas polos tres investigadores de campo dese atlas (Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González), ás que hai que engadir gravacións complementarias dos puntos do ALGa realizadas entre 1979 e 1983. En total son unhas 30 horas que se dixitalizaron en 1997.
O material está todo transcrito, informatizado e concordado para a súa edición como glosario do material léxico dos textos xunto coas transcricións. A preparación da edición dos textos do ALGa e do seu glosario é responsabilidade de Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías. Na informatización das transcricións colaboraron nos anos 90 Xavier Canosa Rodríguez, Elisa Fernández Rei, Beatriz García Turnes e Miruca Parga Valiña, mentres que Rosario Baleirón Sóñora colaborou na lematización do material léxico. Francisco Fernández Rei transcribiu practicamente todos os textos do ALGa, coa colaboración de Xosé Graña Núñez no material do período 1979-83.
O contido destes etnotextos é moi variado. Moitos textos tratan de labores tradicionais da terra e algún versa sobre novos labores, coma os invernadoiros de flores, tomates e amorodos do Rosal, e outros refírense a traballos do home no mar e no río Miño e traballos da muller na conserva de peixe e marisco. Outros textos tratan do moceo, das festas tradicionais do ciclo anual (o Entroido, o Maio ou o San Xoán), de romaxes como a do Santo André de Teixido e de festas populares como a rapa das bestas de Sabucedo, e mesmo dalgunha festa gastronómica emerxente daquela como era a do carneiro ó espeto de Moraña.
Hai diversos etnotextos sobre o liño e as fiadas e algún sobre o xogo do lorcho nas fiadas da Terra de Ordes. Outros son descricións de lugares e da vida diaria, especialmente da dura posguerra en Galicia ou por Castela adiante facendo tellas os cabaqueiros do Rosal ou segando no trigo xente da Terra Chá, ou ben son unha mostra da lingua gremial dos cabaqueiros e dos canteiros; e tamén hai dramáticos relatos sobre como se viviu a fratricida guerra iniciada en xullo de 1936 e as súas nefastas consecuencias na sociedade civil galega. Ademais, rexistráronse contos, lendas e romances como o casamento da pulga e o piollo ou o de Xan Guindán, algún cantar de reis e moitas cantigas populares, recitadas ou cantadas en galego.
Son unhas 350-400 horas de gravacións, conservadas en 806 casetes de moi diversa calidade, realizadas entre 1979 e 1991 nuns 800 puntos do dominio lingüístico galego. A maioría son do período 1979-85.
A finais da década de 1970 e comezos da década de 1980, pouco antes de que se implantase a lingua galega como obrigatoria no ensino non universitario, o Instituto de Ciencias da Educación da USC encargoulle ó Instituto da Lingua Galega a organización de cursos de lingua e de cultura galega para mestres e mestras de Ensino Xeral Básico. Para o nivel superior, ademais de traballar con textos literarios e da prensa diaria, decidiuse facelo tamén con textos orais de diferentes áreas lingüísticas galegas, para o que se elaborou ad hoc unha escolma de etnotextos do ALGa con transcrición en papel e soporte oral en casete. Logo cada profesor facía que en grupo os mestres traballasen con textos gravados por eles mesmos na bisbarra onde exercían, co fin de analizar o galego oral da zona, tanto as particularidades dialectais como os tipos de interferencias pola presión do castelán.
Moitas destas gravacións están depositadas no ILG, como tamén o están as correspondentes a traballos de alumnos da Facultade de Filoloxía compostelá, realizados para a materia de Lingüística Románica 1 entre os anos 1980 e 1985, traballos e transcricións supervisados no seu día por Francisco Fernández Rei. Logo engadíronse algúns etnotextos de traballos das materias de Lingua Galega dos anos 1986-1991 impartidas por diversos profesores da USC, que á vez eran membros do ILG. Todo isto constitúe o fondo fundamental do subarquivo dos 80 que, á parte da moi diversa calidade do rexistro, son dun grandioso valor tanto lingüística como etnograficamente.
Normalmente son gravacións dun só informante, xeralmente da xeración maior, cun grande abano de temas. A maior parte deste material está transcrito e só unha pequena parte se informatizou; realizouse unha catalogación informatizada dos lugares, coa parroquia e concello correspondente, mais aínda non se fixo a clasificación temática do contido de todas estas gravacións nin a informatización da ficha do(s) informante(s) de cada punto gravado. Vaise proceder á inmediata dixitalización do material dos anos 80 dada a súa fraxilidade.
A DGICYT do Ministerio de Educación y Ciencia aprobou no seu día un proxecto para a creación dun Arquivo Dialectal da Lingua Galega con sede no ILG da USC (PB91-0784), que tiña que realizarse entre xullo de 1992 e xullo de 1995. O equipo do proxecto formábano Francisco Cidrás Escáneo, Manuel González González, Carme Hermida Gulías, Xosé Luís Regueira Fernández, Antón Santamarina Fernández e Xavier Varela Barreiro, con Francisco Fernández Rei como investigador principal.
Posteriormente a Dirección Xeral de Universidades da Xunta de Galicia concedeu o proxecto Actualización do Arquivo do Galego Oral (XUGA-24001-B96) para executar nos anos 1996, 1997 e 1998. O equipo formábano Carme Ares Vázquez, Francisco Cidrás Escáneo, Carme García Rodríguez, Carme Hermida Gulías, Eduardo Moscoso Mato e Xavier Varela Barreiro, con Francisco Fernández Rei como investigador principal. Todos os membros dos dous proxectos eran profesores e profesoras do Departamento de Filoloxía Galega da USC, igual que o eran os bolseiros predoutorais Miruca Parga Valiña e Carlos Valcárcel Riveiro que en 1998 se uniron ó proxecto de Actualización do Arquivo.
A concesión deses proxectos permitiu retomar e actualizar o Arquivo do Galego Oral que se fora formando no ILG. Agora realizouse unha planificación co obxectivo de que nese subarquivo algún día haxa, polo menos, unha mostra das case 3.800 parroquias galegas, e a poder ser con mostras de varias xeracións de cada lugar gravado.
Entre os puntos enquisados hai parroquias cunha única mostra oral e dun único informante, pero tamén mostras de varios lugares dunha mesma parroquia. Ás veces realizouse, tanto no hábitat rural como no urbano, unha recolleita máis completa en varios puntos de cada unha das parroquias dun determinado concello, con mostras que teñen en conta a profesión, sexo e idade, coa finalidade de realizar investigacións en profundidade sobre a situación do galego.
3.2. Situación en xaneiro de 1999En xaneiro de 1999 a situación do subarquivo de etnotextos dos anos 90 era a seguinte: estaban gravados 4.434 informantes de diversas xeracións, nunhas 1.000 horas, correspondentes a 271 concellos de todo o noso dominio lingüístico (incluída a Galicia non administrativa), a 1.312 parroquias (máis dun terzo das 3.768 que daquela había en Galicia, á parte as parroquias eonaviegas) e a máis de 2.000 lugares. A maior parte desas 1.000 horas de gravación están en 2.090 casetes e só unhas 50 horas en soporte dixital, estas de 1997, 1998 e comezos de 1999.
Das casetes, 679 conteñen gravacións realizadas por membros dos dous proxectos arriba mencionados e por diferentes investigadores, moitos deles bolseiros do ILG e algún alleo á institución pero que colaborou activamente na recolleita en concellos pontevedreses, como é o caso de Xoán Carlos Ferreira Ambrosio en 1993 e 1994. Nalgúns casos parte dese material usouse para a redacción de diversos traballos de investigación dos cursos de doutoramento (o recollido no Grove, na Estrada, en Padrón ou en Vilardevós, por ex.) ou para a redacción de memorias de licenciatura, como ocorreu co recolleito nas parroquias do Hío (Cangas), Loureiro (Cotobade) e Viceso (Brión) e nos concellos de Forcarei, Frades, S. Cosme de Barreiros, Foz e Vilanova de Lourenzá, traballos que case sempre van acompañados dunha ampla escolma de etnotextos de diferentes xeracións.
As restantes casetes son gravacións orixinais ou ben copias depositadas no ILG polos seus autores. A procedencia destes depósitos é moi diversa, pois a carón das realizadas nos concellos da comarca de Padrón por estudantes do Instituto de Bacharelato de Padrón en 1994, están as dos anos 1991, 1992 e 1993 efectuadas en moitos puntos do concello de Palas de Rei por Xerardo Pereiro para un estudo antropolóxico sobre narracións orais publicado por Sotelo Blanco en 1995 ou as de membros do ILG que traballaron sobre a fala viva nas súas memorias de licenciatura e teses de doutoramento.
Outras proceden de traballos sobre galego oral dirixidos e revisados por diversos profesores do Departamento de Filoloxía Galega da USC, especialmente por algúns membros dos proxectos arriba citados: Carme Ares Vázquez na Escola de Maxisterio de Lugo, Carme Hermida Gulías na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela e Francisco Fernández Rei, Carme García Rodríguez e Xavier Varela Barreiro na Facultade de Filoloxía de Santiago. Todos eles seguiron achegando en maior ou menor medida material ata o día de hoxe, como tamén o fixo Xosé Henrique Costas González, do Departamento de Filoloxía Galega e Latín da Universidade de Vigo, que se incorporou formalmente ó proxecto do AGO no 2007, pero que colaboraba desde había anos.
En xaneiro de 1999 aproximadamente un terzo de todo o material recollido estaba transcrito ou, polo menos, comprobado acusticamente para ver a calidade da gravación; e só unha parte das transcricións se informatizaran e se incorporaran á Base de Datos Lexicográfica do ILG que dirixía Antón Santamarina e que é a base do actual Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) consultable en rede (http://www.ti.usc.es/TILG/).
Na transcrición e na informatización de etnotextos nos anos 90 colaboraron Elisa Fernández Rei (1994-95), Miruca Parga Valiña (1994-95 e 1998) e Dolores Ramos Duarte (1998-99), mentres que Nuria Mariño Varela (1993-194) e Xavier Canosa Rodríguez (1993-95) axudaron a informatizar algúns textos e Carme Silva Domínguez (1993-95) participou no escaneo e revisión doutros. Na informatización da ficha completa de cada gravación e na catalogación e tematización informática colaboraron Carme González Bueno (1996-97) e especialmente Valentina Veiga Alonso (1997-98), quen ademais recolleu material e participou na audición e clasificación de boa parte do material non transcrito.
3.3. Situación en decembro de 2010Dos 315 concellos galegos cóntase con gravacións de 305, correspondentes a unhas 1.700 parroquias, ás que hai que engadir audios de falas galegas das comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, e tamén dos falares esencialmente galegos dos somontes da Serra de Gata, en Cáceres. Á parte de gravacións dixitais realizadas nos últimos anos, entre 2008 e 2010 procedeuse á dixitalización de 2.710 gravacións que desde 1992 se fixeran en casetes, e aínda están por dixitalizar unhas 100 neste formato.
A finais do 2010 o total de fichas de informantes deste subarquivo era de 5.507 rexistros, sen ter en conta un cento de gravacións aínda non fichadas, algunhas con máis dun informante. En cada ficha, entre outros datos, figuran nome do concello, provincia, parroquia e lugar da gravación; sexo, idade e ocupación da persoa informante; autoría e tema da gravación; información sobre a transcrición e información adicional. En ocasións hai algún rexistro en que non se coñece o lugar ou a parroquia da persoa informante, pero si o concello en que se fixo a gravación. No labor de informatización das fichas dos informantes e na clasificación temática do material, Mª Xosé García Merino colaborou como bolseira do AGO nos anos 2007 e 2008.
Os etnotextos están clasificados en 18 grandes bloques temáticos, con diferentes subtemas, que dan unha idea do variadísimo contido deste subarquivo: 1) Cultura popular; 2) Crenzas; 3) Festas, romarías e costumes; 4) Nenez; 5) Mocidade; 6) Traballos e produtos agrícolas; 7) Traballos e produtos do mar e de río; 8) Outros traballos, con 40 subtemas; 9) Hábitat, edificios e servizos; monumentos e xeografía, árbores e animais; 10) Acontecementos e personaxes históricos; 11) Emigración; 12) Historias de vida, anécdotas e experiencias persoais e opinións varias; 13) Relacións persoais; 14) Comidas e receitas; 15) Enfermidades, accidentes e saúde; 16) Lecer, cultura e ocio; 17) Evolución dos usos e dos costumes e o progreso; 18) Linguas. Comentarios sociolingüísticos. Idiomas. 19) Temas de actualidade.
4. Cancioneiro de Schubarth e Santamarina
Unha copia de todo o material sonoro do Cancioneiro Popular Galego (7vol. publicados entre 1984 e 1995), en gran parte irrepetible porque moitos informantes xa faleceron, está depositado no ILG. Outras copias están en RNE da Coruña, na Fundación Pedro Barrié de la Maza na Coruña, no Arquivo da Música Popular Europea de Viena e no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. No prólogo do primeiro volume o musicólogo J. López Calo cualificara esta obra como “la máxima aportación jamás intentada hacia la conservación y conocimiento del folklore musical de Galicia”.
O corpus do Cancioneiro de Schubarth e Santamarina (unhas 350 horas de gravación) recolleuse en 82 concellos de Galicia (27 da Coruña, 19 de Lugo, 10 de Pontevedra e 26 de Ourense) e en 13 concellos das comarcas estremeiras (4 da Terra Eo-Navia asturiana, 8 dos Ancares orientais e do Bierzo occidental e 1 das Portelas de Zamora).
A maior parte do material do Cancioneiro recolleuno Dorothé Schubarth entre 1978 e 1983. Ademais, contén melodías de 1968 rexistradas por Antón Santamarina na Terra da Fonsagrada e de 1975 procedentes das gravación do ALGa, xunto con material de Budiño (Salceda de Caselas), de 1978, do Arquivo de Fuxan os Ventos, e melodías de 1984-86 recollidas por D. Schubarth ou procedentes do Arquivo Musical de Manuel Rico.
A transcrición das melodías é obra de D. Schubarth, mentres que A. Santamarina se ocupou de fixar a transcrición lingüística dos textos, que reflicte do xeito máis fiel posible a oralidade, con seseos e gheadas, con rotacismos e contraccións e con toda clase de interferencias do castelán nos textos en galego e dos galeguismos nos textos casteláns, o que fai que o Cancioneiro, áparte do inestimable valor musical, teña un gran valor lingüístico.
5. Textos en rexistro culto
Formouse este subarquivo a partir de 1996. Actualmente conta cunhas 300 horas de gravación, das que unhas 100 están dixitalizadas (entre elas cerca de 20 horas de programas de radio en galego dos anos 80). Trátase especialmente de conferencias sobre temas moi diversos relacionados coa realidade sociocultural de Galicia a cargo de especialistas en política, historia, etnografía, lingua ou literatura, así como presentacións de libros e diversos actos. A maioría son actos realizados en Santiago de Compostela nas aulas universitarias ou fóra delas.
Á parte das conferencias e das mesas redondas do I Congreso Internacional A Lingua Galega Historia e Actualidade organizado polo ILG en setembro de 1996, copia fornecida polo Arquivo Sonoro de Galicia, as outras gravacións foron case todas realizadas por F. Fernández Rei ou por Carme Hermida. A estas hai que engadirlles gravacións de moitas das emisoras locais de radio que emiten en galego, dalgunhas televisións locais e diversos programas da TVG polo seu grande interese lingüístico e etnográfico, como a serie Fe de vida ou os primeiros capítulos de Mareas vivas.
1 Para a información técnica das gravacións e os subtemas dos etnotextos vid. F. Fernández Rei: “O Arquivo do Galego Oral do Instituto da Lingua Galega”, en C. Pujales Prats (coord. ed.): Actas I, II e III Encontros ‘O Son da Memoria’. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia, 2004, 63-79.