III Xeira CLARIAH-GAL

Data de inicio: 
venres, Maio 29, 2026 - 09:30

O 29 de maio terá lugar a III Xeira CLARIAH-GAL no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha nova edición desta xornada dedicada ás Humanidades Dixitais e ás tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

A iniciativa está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.

A Xeira busca favorecer o intercambio de coñecemento e a creación de redes entre investigadoras e investigadores que traballan nestes ámbitos. Durante a xornada haberá intervencións convidadas e un espazo para a presentación de pósters en que se darán a coñecer proxectos, recursos e iniciativas impulsadas en Galicia ou por grupos de investigación galegos.

Poster: 

Sección

Cronograma
Data límite para o envío de propostas de póster: 17 de abril
Notificación de aceptación da proposta: 30 de abril
Inscrición: ata o 22 de maio
III Xeira CLARIAH-GAL: 29 de maio
Submisións

Se queres presentar un póster do teu proxecto, liña de investigación, recurso ou grupo de investigación nesta xeira, convidámoste a enviar un resumo ao seguinte enderezo electrónico: ilgsec@usc.gal.

O resumo non deberá exceder as 500 palabras (excluíndo referencias bibliográficas) e deberá incluír o título e autoría do póster, así como a motivación, obxectivos, método ou resultados do proxecto presentado. Os pósters deberán ter orientación vertical e tamaño A1.

Data límite para o envío do resumo: 17 de abril de 2026
Notificación de aceptación da proposta: 30 de abril de 2026
Sesión de pósters: 29 de maio de 2026, 17:00-18:00 horas