III Xeira CLARIAH-GAL
O 29 de maio terá lugar a III Xeira CLARIAH-GAL no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha nova edición desta xornada dedicada ás Humanidades Dixitais e ás tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.
A iniciativa está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
A Xeira busca favorecer o intercambio de coñecemento e a creación de redes entre investigadoras e investigadores que traballan nestes ámbitos. Durante a xornada haberá intervencións convidadas e un espazo para a presentación de pósters en que se darán a coñecer proxectos, recursos e iniciativas impulsadas en Galicia ou por grupos de investigación galegos.






