Investigadores visitantes

O Instituto da Lingua Galega ofrece a posibilidade de acoller investigadores visitantes interesados en desenvolver traballos de pescuda relacionados coas liñas e ámbitos de investigación propios do centro. O programa está aberto tanto a profesores ou investigadores permanentes de Universidades e centros de investigación como a investigadores posdoutorais e en formación.

Solicitude

As persoas interesadas en participar deben remitir, debidamente cuberta, unha solicitude na que deberán facer constar os seus datos persoais e académicos, o tema de investigación e o obxecto específico da estadía. No caso dos investigadores en formación, a solicitude deberá vir acompañada dunha carta de presentación do director do traballo ou dunha carta de aceptación dun membro do ILG.

As solicitudes serán tomadas en consideración por orde de recepción e aprobadas en función da adecuación da investigación proxectada ás liñas de traballo do centro e da existencia de recursos dispoñibles para atendelas. Neste sentido, débese ter en conta que o Instituto permanecerá pechado durante a primeira semana de xaneiro e durante todo o mes de agosto.

Servizos e instalacións

O Instituto da Lingua Galega porá ao dispor dos solicitantes aceptados unha mesa de traballo e proporcionaralles acceso aos seus fondos bibliográficos e demais recursos de investigación, así como á rede wi-fi da Universidade. Ao participar neste programa, o investigador visitante comprométese a facer un uso responsable dos recursos e instalacións do centro e a respectar os seus horarios e normas de funcionamento.

Aloxamento

Por outra banda, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC dispón dunha serie de cuartos individuais ou dobres e de apartamentos de diversos tamaños a disposición dos profesores e investigadores visitantes (Servizo Universitario de Residencias). As táboas de prezos do servizo poden consultarse aquí.