Dialectoloxía e léxico
Este volume, editado polos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, reúne os relatorios presentados no "Simposio Dialectoloxía e Léxico", celebrado durante a primavera de 2001 en Santiago de Compostela.
O estudo da variación dialectal foi sempre un terreo fértil nas investigacións de lingüística galega. Na última década as investigacións sobre as variantes xeográficas do galego víronse arrequentadas pola publicación dos tomos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) correspondentes á morfoloxía verbal e nominal e á fonética. O léxico non puido terse en conta para a fixación de variedades porque non se dispoñía de materiais que fornecesen información ordenada e sistematizada sobre todo o territorio lingüístico. Coa intención de presentar diferentes propostas de traballo xurdidas do estudo do léxico desde unha perspectiva xeográfica e tamén co obxectivo de dar a coñecer as primeiras investigacións sobre dialectoloxía lexical elaboradas sobre o material do ALGa que nos próximos anos se verá publicado, presentamos este conxunto de contribucións nas que se aborda o estudo do léxico a partir de distintas perspectivas e con diferentes obxectivos.