XXXIII Edición dos Cursos "Galego sen fronteiras"
Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega, volverán traer este verán a Santiago de Compostela alumnado de todo o mundo para aprender o idioma de Galicia, tras a interrupción desta actividade por mor da pandemia.
A que será a trixésimo terceira edición desenvolverase co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A dirección corre a cargo do académico e membro do ILG Henrique Monteagudo e a secretaría académica asúmea a tamén profesora da USC e académica electa María López Sández.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de abril e o programa desenvolverase do 3 ao 24 de xullo. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden consultar todos os detalles no folleto da convocatoria. O formulario de inscrición está dispoñible nestoutra ligazón.
O programa dos XXXIII Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, coma en anteriores edicións, permitirá que o alumnado goce dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen ás persoas asistentes unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas: literaria, lingüística, musical, artística e paisaxística.