Toponimia de Agolada
Data:
venres, Marzo 10, 2017 - 19:00
Imaxe:
A Asociación Galega de Onomástica (AGOn) presentou este venres, día 10, o primeiro libro da colección Terra Nomeada. Este volume inicial leva por título Toponimia de Agolada e está elaborado pola investigadora Luz Méndez, colaboradora do ILG.
No acto de presentación, que tivo lugar na Sala Multiúsos dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) ás 19.00 horas, participaron Luz Méndez, autora do volume; Xesús Ferro Ruibal, académico de número da Real Academia Galega; Ramiro Varela Peón, alcalde de Agolada; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, e Gonzalo Navaza, membro da AGOn e colaborador do ILG.
Desde a AGOn quíxose promover a elaboración dunha colección de libros de toponimia dos concellos para darlle a coñecer á sociedade dun xeito divulgativo pero científico o inmenso tesouro da que é posuidora e toda a información que agocha cada nome de lugar sobre a lingua, a historia, a antropoloxía, a arqueoloxía.... Cada publicación consiste nunha achega á toponimia de cada concello a través dunhas notas etimolóxicas sobre os nomes das entidades de poboación e algúns outros topónimos significativos do seu territorio. Ademais, incluirá unha pequena introdución xeográfica, histórica e lingüística e, ao final, unha selecta de bibliografía e un mapa coa localización das entidades de poboación e os accidentes xeográficos estudados.
Os libros serán elaborados por membros da Asociación Galega de Onomástica e un equipo de especialistas en onomástica revisará a obra de cada autor para que se manteña a coherencia da colección e o seu espírito divulgativo. Serán publicacións que poida ler e comprender sen esforzo calquera lector cos coñecementos lingüísticos ou históricos equivalentes ós dun alumno dos últimos cursos do ensino obrigatorio. Iso significa unha redacción transparente e un léxico simple.
O primeiro número desta colección sae á luz co financiamento e o apoio da Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra.