Os cursos "Galego sen fronteiras" Premio da Cultura Galega

Data: 
martes, Outubro 17, 2023 - 14:30
Imaxe: 

Os cursos de verán de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras acaban de ser galardoados na modalidade "Proxección Exterior" dos Premios da Cultura Galega tras a reunión do xurado presidido por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, que destacou o esforzo de promoción internacional da cultura galega.

Na mesma convocatoria, Yolanda Castaño foi distinguida na categoría de Letras; o Museo do Gravado á Estampa Dixital, na de Artes Visuais; PistaCatro, na de Artes Escénicas; a Banda de Música Unión de Guláns, na de Música; Eduardo Pardo de Guevara, na de Patrimonio Cultural; Portocabo, na de Audiovisual; e o proxecto Ponte nas Ondas, na de Lingua.

Os cursos Galego sen fronteiras, organizados polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega, grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, deron inicio en 1988 e polas súas aulas pasaron máis de dous mil alumnos e alumnas de todo o mundo que se converteron en embaixadores e embaixadoras da nosa lingua e cultura. Moitos deles e delas son hoxe profesoras e profesores en universidades de distinto países onde ensinan lingua e literatura galegas, realizaron achegas académicas importantes neste campo e traduciron obras das nosas letras a outros idiomas.

O ILG quere dedicarlle este premio a todo o alumnado, así como ao profesorado, ás persoas que exerceron como directoras e secretarias e ás que impartiron obradoiros e charlas ao longo destes 35 anos. Sen o entusiasmo e bo facer de todas as persoas que fan posible estes cursos de verán, hoxe non se acadaría este recoñecemento.