O Instituto da Lingua Galega da USC e o catedrático Ángel Carracedo, Medallas de Ouro de Galicia 2011

Data: 
xoves, Xullo 14, 2011 - 17:15

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC que este curso cumpre corenta anos e o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo, director do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ da USC, acaban de ser recoñecidos coas Medallas de Ouro de Galicia 2011, a máxima distinción que concede o Goberno galego e que se entregarán o vindeiro 25 de xullo.

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves o labor do ILG no estudo e investigación permanente do idioma galego en aras de que "sexa un elemento de cohesión social". Con respecto ao profesor Carracedo, "líder mundial de artigos científicos, por diante do FBI e do Instituto Británico", Núñez Feijóo destacou del que "ten situado a Galicia nun dos lugares máis prestixiosos da ciencia".

 

Ao coñecer a noticia o reitor Juan Casares mostrou a súa satisfacción: “Os universitarios teñen que sentirse orgullosos porque isto é unha mostra de recoñecemento do traballo ben feito tanto das persoas como dos centros”. “Ademais, esta satisfacción agrándase ao ver que se trata de investigación realizada en áreas tan dispares como a medicina e a filoloxía”, engadiu.