O ILG publica o sexto número da súa revista

Data: 
domingo, Agosto 3, 2014 - 17:45
Imaxe: 

O ILG presenta un novo número da súa revista Estudos de lingüística galegaA publicación, que se edita desde 2009 con periodicidade anual co obxectivo de crear un espazo de análise crítica, difusión da investigación lingüística e de debate e intercambio arredor da lingua galega, inclúe neste sexto número artigos científicos de investigadores das tres universidades galegas e doutras institucións académicas de Galicia, Portugal e Brasil.

Entre os temas tratados neste novo volume están a fala (variante do galego falada na provincia de Cáceres), a construción do xénero na conversa, a paisaxe lingüística galega, a creación dun discurso económico alternativo, a prohibición de certos nomes na toponimia de Galicia, o autoodio como concepto lingüístico, a dialectoloxía portuguesa ou os reflexivos en caboverdiano.

Estudos de Lingüística Galega está rexistrada e indexada, entre outras, nas seguintes bases de datos: CSA Linguistics and Language Behavior Abstracts, MLA (Modern Language Association), Scopus, REDALYC (aceptada en novembro de 2012), DOAJ, Open Access Digital Library, ISOC, ULRICH, DIALNET, CiteFactor, Cabell's Directory. Tamén está indexada en MIAR (Matriz de Información para a Análise de Revistas), onde está puntuada cun ICDS (Índice Composto de Difusión Secundaria) de 7.199. A ANEP (Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva) categorízaa como revista A.