O ILG impulsa un novo espazo anual de encontro coa celebración de ECOS

Data: 
xoves, Decembro 4, 2025 - 18:00
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizou o pasado 4 de decembro no Paraninfo da Universidade a primeira edición de ECOS: Coñecemento que resoa, iniciativa que nace coa vocación de converterse nun encontro anual de referencia. A xornada concibiuse como un espazo de diálogo e posta en común no que se compartiron os principais resultados do traballo desenvolvido ao longo de 2025, ao tempo que se reforzaron os lazos entre as persoas que integran o ILG e se abriron vías de reflexión sobre os retos e liñas estratéxicas de futuro.

Na sesión inaugural, a directora do centro, Elisa Fernández Rei, destacou o valor deste novo formato como ferramenta para facer visible o labor do Instituto e para fortalecer o sentimento de pertenza a un proxecto colectivo centrado na investigación e na divulgación da lingua galega.

Arredor de 80 persoas, máis dun cento de publicacións de carácter científico, 5 proxectos competitivos, 7 convenios e subvencións vixentes, 4 teses defendidas e 23 actualmente en elaboración, 25 actividades organizadas e 11 visitas de investigación son os números que reflicten o intenso traballo do Instituto, referente na investigación, promoción e divulgación da lingua galega. Destes resultados deu conta a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, para quen modernidade, colaboración e compromiso son os valores “que retratan ben o presente do ILG e, espero tamén, o futuro”.

Na mesma xornada, os investigadores Xulio Sousa e Francisco Dubert presentaron os resultados de 2025 de dous proxectos do ILG especialmente significativos como son o Atlas lingüístico Galego e o Proxecto Nós e a investigadora Reis Rodríguez Rodríguez falou do labor da Comisión de Xénero e Igualdade do centro.

Ademais, tivo lugar unha mesa redonda centrada nas estratexias de futuro do Instituto no ámbito da transferencia, que moderou Xosé Luís Regueira e que contou coa participación de José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Pilar García Mouton, membro da Comisión Asesora Externa do ILG; María del Carmen López Pérez, responsable da área de I+D+i de Balidea; e Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A programación completouse con contidos audiovisuais e cunha intervención de carácter máis persoal, pensada para afondar na dimensión humana e emocional do Instituto. Nesta ocasión, Francisco Fernández Rei, membro do ILG desde os seus inicios, compartiu unha reflexión en primeira persoa sobre a súa traxectoria vinculada ao centro e sobre a evolución deste ao longo das últimas décadas.

O acto concluíu cun recoñecemento ao conxunto da comunidade do Instituto e ás entidades que fan posible o seu labor. Esta primeira edición de ECOS amosou a súa capacidade para consolidarse como un punto de encontro estable, orientado a dar visibilidade ao traballo investigador do ILG, fomentar a colaboración e reforzar o seu papel como referente no ámbito da lingua galega.