Membros do ILG en distintos eventos científicos

Data: 
venres, Xuño 30, 2023 - 10:00

O persoal investigador do ILG participa neste mes de xuño en diversos eventos científicos. Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei presentan o día 9 a comunicación “Contacto de lenguas e ideologías lingüísticas en Galicia” no panel Nuevas perspectivas de la lingüística de contacto en Galicia, que forma parte do  Hispanic? Sociolinguistics at a Crossroads. X International Conference of Hispanic Linguistics . Este congreso lévase a cabo na Universidade de Liverpool.

O día 12, Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso participan no X Encontro da Mocidade Investigadora na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. A comunicación de Fidalgo leva por título “O piropo: un reto para a obtención de datos reais espontáneos” e a de Guisantes, “As autogravacións: unha metodoloxía para a captación de datos lingüísticos”.

Entre o 14 e o 16 de xuño asisten ao XV Congreso Internacional de Lingüística General, na Universidade Complutense de Madrid, Clara Lago Caamaño coa comunicación “Cambio no léxico dispoñible do galego: primeiros resultados”; Eva María Domínguez Noya e María Sol López Martínez coa comunicación “Unha invitada máis a ter en conta no deseño de corpus e na recuperación de información: a perspectiva de xénero e a linguaxe non binaria directa no CORGA”; e Xosé Luís Regueira, Elisa Fernández Rei, Miguel Guisantes e as colaboradoras do ILG Alba Aguete e Noemi Basanta participan no panel, coordinado por Gabriel Rei-Doval e Noemi Basanta, que leva por título Contacto lingüístico e ideoloxías nos contextos de minorizacion galego asturiano.

María Álvarez de la Granja falará o 15 de xuño sobre “Aplicacións didácticas de CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico” no I Colloque International d’Applications de la linguistique de corpus dans la didactique de langues, que se realiza na Universidade da Sorbona.

O día 29, Francisco Dubert presenta a comunicación “Variación xeolectal na expresión da segunda persoa de plural dos verbos no noroeste ibérico” no III Congresso Internacional em Variação Linguística nas Línguas Românicas. Neste evento do Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro participan no comité organizador Elisa Fernández Rei e Xulio Sousa.

Finalmente, o día 30, Estela Fidalgo Garra participa no VI Simposio Internacional Ediso, organizado pola Universidade de Valladolid, coa comunicación "Aproximación pragmática ao estudo da (des)cortesía do piropo a través das redes sociais".