Investigadoras do ILG participan na 'III Xornada Con-Ciencia' cos centros de secundaria

As investigadoras do Instituto da Lingua Galega María Álvarez de la Granja, Marta Negro Romero e Reyes Rodríguez Rodríguez participaron o 22 de xaneiro na Facultade de Filoloxía na III Xornada Experiencias Con-Ciencia, organizada por Marta Gómez Pato e Luz Zas Varela, responsables do programa A Ponte da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo é fomentar o interese na ciencia e na investigación desenvolvida na Facultade de Filoloxía entre os estudantes de 4.º da ESO e 1.º de bacharelato dos centros de ensino secundario.
Nesta edición, o alumnado de 1.º de bacharelato do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela puido iniciarse na investigación en lingüística galega mediante a realización da xincana Consigue o teu título de detective lingüístico. O alumnado tivo que superar unha serie de probas prácticas co obxectivo de dar a coñecer algunhas das principais liñas de traballo do centro.
Durante a actividade, os rapaces e rapazas traballaron con diferentes recursos e proxectos de investigación do Instituto, como a Cartografía dos apelidos de Galicia, o Atlas Lingüístico Galego, o Patrimonio léxico da Gallaecia, o Arquivo do Galego Oral, o Dicionario de dicionarios e o Proxecto Nós. Ademais, tiveron a oportunidade de consultar un documento medieval, o que lles permitiu achegarse de maneira directa ao uso de fontes históricas para o estudo da lingua.
Entre xogos e retos, a sesión rematou con premios para todas e todos os participantes como recoñecemento ao seu traballo e implicación.
A realización desta actividade enmárcase nunha liña de difusión e achegamento á sociedade do traballo que se desenvolve no Instituto da Lingua Galega, unha aposta que se está a reforzar nos últimos tempos, especialmente a través da recepción de alumnado de secundaria na sede do centro.





