Corpus e construcións: perspectivas hispánicas

Data: 
xoves, Novembro 22, 2018 - 23:15
Imaxe: 

Os días 22 e 23 de novembro tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o congreso Corpus e construcións: perspectivas hispánicasorganizado polo grupo de investigación da USC Gramática do español.

O profesor Xosé Luís Regueira e a profesora Elisa Fernández Rei participaron neste encontro coa seguinte comunicación: "CORILGA: un corpus para estudar a variación e o cambio do galego falado".

O CORILGA (Corpus oral informatizado da lingua galega) foi deseñado para posibilitar o estudo da variación e do cambio do galego falado. O corpus, aínda en fase de revisión e mellora, incorpora por agora un número reducido de textos orais, mais xa cobre un importante rango tanto de variación como de espazo temporal. As variedades de lingua recollidas van desde a oralidade formal (conferencias, debates, intervencións parlamentarias, textos literarios), ata a oralidade informal (monólogos, entrevistas, conversas), pasando polos medios de comunicación (entrevistas, informativos, dobraxes, entre outros). As gravacións abarcan desde mediados dos anos 1960 ata a actualidade.

Por medio do filtrado das buscas poden compararse resultados en textos de diferentes tipos e graos de formalidade ou en falantes de diferentes características (idade, sexo, hábitat), para o estudo da variación. Utilizando os filtros de data da gravación e do tramo de idade dos informantes o CORILGA permite tamén o estudo do cambio lingüístico tanto en tempo aparente como en tempo real.

A colaboración co Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo permitiu incorporar diversas ferramentas do ámbito das tecnoloxías da fala, como un aliñador audio-texto ou un transcritor automático.