Conmemoran en Filoloxía o 30º aniversario das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego

Data: 
mércores, Decembro 12, 2012 - 01:30
Imaxe: 
En 2012 cúmprense trinta anos da publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) elaboradas por unha comisión mixta do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Real Academia Galega. Trinta anos despois o ILG dedica o seu simposio anual, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a “revisar o camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro”, como sinalan os seus promotores.
O encontro ‘Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012’desenvolverase ata o 20 de decembro en Filoloxía logo de que se inaugurase este martes nun acto ao que asistiron a directora do ILG, Rosario Álvarez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o profesor Henrique Monteagudo.
Esa aprobación en 1982 foi un fito na historia do idioma por representaren a primeira proposta ampla, sistemática e cientificamente xustificada de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común que pouco despois serían oficializadas mediante decreto da Xunta de Galicia, tornándose así no primeiro código normativo con carácter oficial do idioma galego que se foi consolidando, enriquecendo e adaptando co paso do tempo.
O encontro contemplou na súa primeira xornada as intervencións dos profesores da USC e membros da Real Academia Galega Antón Santamarina e Manuel González sobre ‘As normas ortográficas e morfolóxicas do ’82 e o estándar galego actual’ e ‘As modificacións e reformas da norma do ’82. O VOLGa’, respectivamente.
As sesións reanudaranse este xoves 13 coa conferencia de Francisco Cidrás sobre as Gramáticas e o estándar morfosintáctico e de Xosé L. Regueira acerca da construción do estándar oral do galego. Rematarase cunha mesa de debate sobre o estándar e medios de comunicación na que participarán a investigadora das USC Ana I. Boullón, o cantante Xurxo Souto, a actriz Mabel Rivera e Paulino Novo, da TVG.
O día 18 será a quenda das conferencias de María Álvarez de la Granja sobre o coñecemento do vocabulario normativo galego e de Darío Xohán Cabana, que disertará sobre a lingua literaria, os dicionarios e a edición. O debate versará nesta ocasión sobre a diversidade estilística e a creación alén do estándar coa participación de Xosé A. Fernández Salgado, Bieito Iglesias, Antón Dobao, Gonzalo Navaza e Anxo Angueira.
Xosé M. Gómez Clemente, da Universidade de Vigo, e Xusto R. Río, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, serán os encargados das conferencias do día 19, que rematará cun debate sobre servizos e recursos lingüísticos.

A última sesión do simposio dedicarase ao estudo do status quo en Cataluña, Portugal e Brasil. Para iso contará coa participación de Miquel Pradilla, da Universiadde Rovira i Virgili; António Emiliano, da Universidade Nova de Lisboa; e Xoán Lagares, da Universidade Federal Fluminense de Niterói.