Conferencia de Facundo Reyna-Muniain no ILG

Data: 
venres, Marzo 4, 2022 - 12:30
Imaxe: 

Facundo Reyna-Muniain, profesor da Universidade de Kiel, ofrecerá a charla "Somos arxentinos, pero somos arxentinos un pouco de casualidade". Construción narrativa da identidade lingüística na diáspora en Buenos Aires o venres 4 de marzo, ás 12:30 h, na Sala de Conferencias do Instituto da Lingua Galega.

Resumo​

Entre as ferramentas empregadas para estudar as identidades nas últimas décadas, a análise narrativa gañou terreo nos estudos sociolingüísticos (De Fina e King 2011; De Fina e Georgakopoulou 2012; Pavlenko 2004; Morgenthaler García 2008). Son especialmente importantes os traballos dedicados ao estudo da negociación identitaria (Bamberg 1997; De Fina 2012; De Fina, Schiffrin e Bamberg 2006). Como sinalou Lanza, “as narracións ofrecen unha fiestra ao estudo da identidade” (2012: 287). A identidade narrativa en particular foi estudada en termos de posicionamento (De Fina e Georgakopoulou 2008). O concepto é debedor da tradición foucaultiana e ten unha proxección performativa da identidade dos falantes.

A cuestión da identidade como motivación dos que aprenden galego na diáspora ten un peso importante, pero a forma en que se configura a identidade ten matices en referencia aos perfís sociolingüísticos dos falantes e á súa pertenza a unha ou outra xeración. A identidade tamén está interrelacionada co elemento ideolóxico (§ 6). Así, mentres que para unha parte dos galego-porteños a concienciación da identidade galega, polo menos en parte, leva a unha oposición coa arxentina, para outro colectivo parece estar claro que a identidade galega forma parte da identidade multicultural Arxentina e, polo tanto, non só é compatible, senón complementaria. Nesta presentación, tentarei estruturar de forma sucinta os mecanismos de construción identitaria presentes na diáspora galega en Arxentina arredor da lingua.