Actualización do ránking dos nomes

Data: 
martes, Setembro 29, 2015 - 01:30
Imaxe: 

Investigadores do Instituto da Lingua Galega elaboraron un gráfico interactivo sobre os dez nomes de nenos e nenas máis comúns entre 2000 e 2013, actualizado recentemente para ofrecer os datos proporcionados polo INE para a anualidade de 2014.

Neste último ano, os nomes máis común foron Noa para as nenas e Martín para os nenos. Ademais, a páxina web na que se recolle o gráfico permite coñecer os cambios na popularidade dos dez nomes máis empregados polos galegos para os nenos e nenas nacidos nos últimos anos.

No caso das nenas, Noa encabeza este ránking desde o ano 2012, mentres que Sara ocupara o primeiro posto en 2011 e 2012, Lucía no período 2003-2009 e María entre 2000 e 2002. En 2014, despois de Noa aparecen os nomes de Daniela e Sara como segundo e terceiro da listaxe, respectivamente.

Para os nomes masculinos, Martín ocupa o primeiro posto da clasificación por vez primeira, xa que entre 2008 e 2013 esta posición ocupouna Hugo, e Pablo foi o nome máis habitual para o período 2000-2007. Ademais de Martín, en 2014 os tres primeiros postos complétanse cos nomes de Mateo e Hugo.

É de destacar que nomes tradicionais como Manuel e María continúan a figurar na lista dos máis habituais. Entre os dez nomes máis comúns aparecen tamén formas propias galegas como Brais, Antía ou Uxía, que nos últimos tempos se foron facendo máis habituais.