Aberto o prazo de expresións de interese para a vinculación de persoal investigador ao ILG

Data: 
mércores, Outubro 28, 2026 - 23:45
Imaxe: 
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela abre unha nova convocatoria de expresións de interese dirixida ao persoal investigador que desexe vincularse formalmente á actividade científica do centro. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de outubro de 2026.
 
Esta convocatoria está pensada para persoal con traxectoria investigadora en campos afíns ás liñas de traballo do ILG —tales como lingüística, filoloxía, tecnoloxías lingüísticas, ensino de linguas, literatura, estudos culturais, filosofía, comunicación, historia, antropoloxía ou socioloxía— e que estean aliñados cos eixes definidos na súa Axenda Científica.
Perfís elixibles
Poderán solicitar a súa adscrición aquelas persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións contractuais:
  • Persoal docente e investigador (PDI) cunha relación estable coa USC: catedráticos/as, titulares de universidade, profesorado contratado doutor ou permanente laboral, profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito. No caso de profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito, a súa vinculación virá establecida pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.
  • Persoal investigador doutras institucións: profesionais adscritos á USC mediante acordos institucionais específicos (como o persoal do CSIC ou investigadores do Programa Oportunius con GAIN).
  • Persoal investigador posdoutoral de convocatorias competitivas: investigadores con compromiso de estabilización coa USC (por exemplo, os contratos Ramón y Cajal). O seu período de vinculación virá establecido pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.
Documentación e envío de solicitudes
As solicitudes teñen carácter estritamente individual e deberán remitirse por correo electrónico ao enderezo ilgsec@usc.gal. O correo debe incluír:
  1. O formulario oficial de expresión de interese debidamente cuberto.
  2. Un currículo breve (CV) en formato PDF que recolla a actividade dos últimos dez anos (aconséllase o modelo CVA de 4 páxinas do Ministerio).
Non se admitirán a trámite aquelas candidaturas de persoal que xa conte cunha vinculación vixente con outro Centro ou Instituto de investigación cunha permanencia actual que supere o ano.
 
Proceso de selección e resolución
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas farase pública no Taboleiro Electrónico da USC. A partir do día seguinte a dita publicación, abrirase un prazo de tres días hábiles para a emenda de erros ou omisións, enviando as correccións ao mesmo correo de contacto.
 
Tras a publicación da listaxe definitiva, as propostas serán avaliadas por unha Comisión Asesora Externa, que examinará os méritos profesionais e o grao de converxencia cos obxectivos do ILG. O informe final elevarase ao Consello Científico e á Xunta de Goberno do Instituto para a súa aprobación e posterior publicación no Taboleiro da USC. As persoas seleccionadas asinarán un compromiso de colaboración cunha duración de 3 anos, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno do centro.