Aberto o período para solicitar praza e bolsa para o EMLex
Xa está aberto o período para solicitar praza e bolsa para o Máster Europeo de Lexicografía (EMLex), unha das actividades lectivas desenvolvidas ao abeiro do programa Erasmus+, no que colabora o Instituto da Lingua Galega. A bolsa inclúe 1,000€ ao mes durante os 24 meses de duración do mestrado e unha importante contribución aos custos de viaxe e instalacións.
O obxectivo principal do mestrado é a formación no ámbito dos dicionarios, de xeito que está dirixido sobre todo a estudantes de filoloxía, lingüística e linguas interesados na lexicografía e nas súas aplicacións, que desexen coñecer outras culturas e modelos educativos e que teñan gana de aprender cuestións interdisciplinares, coma, por exemplo, novas tecnoloxías e as súas aplicacións, análise e visualización da información dixital ou programación.
O EMLex é un máster de carácter interuniversitario, impartido por un consorcio de universidades, entre as que se encontra a Universidade de Santiago de Compostela. Ademais da USC, forman parte do comité organizador a Károli Gáspár Református Egyetem Budapest (Hungría), a Uniwersytet Śląski w Katowicach (Polonia), a Université de Lorraine (Francia), a Universidade do Minho (Portugal), a Universita degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stellenbosch University (África do Sur).
A coordinadora do mestrado na USC é a profesora da Facultade de Filoloxía María José Domínguez Vázquez.