V Congreso Toponomasticon Hispaniae. O camiño hispánico do étimo aos topónimos

Data de inicio: 
domingo, Xuño 9, 2024 - 09:30
Data de fin: 
martes, Xuño 11, 2024 - 19:00

Chegamos ao último congreso da primeira fase do proxecto Toponomasticon Hispaniae, despois de celebrar o primeiro en Lleida (2022), o segundo en Madrid (2023), o terceiro en València (2024) e o cuarto en Uviéu (2024), coa publicación das actas respectivas. Neste de Santiago de Compostela, abordaremos unha tarefa concreta: proxectar nun volume algúns dos étimos traballados coa súa respectiva descendencia para mostrar á comunidade científica os resultados obtidos.

Durante estes catro anos de traballo expuxemos na aplicación a metodoloxía do traballo toponímico, mediante o deseño dunha ficha que abrangue moitas das posibles perspectivas do estudo dos nomes de lugar, non soamente a etimolóxica. Así, temos en conta a motivación, as imprescindibles atestacións escritas ó longo do tempo, a localización xeográfica, os apelidos, nomes persoais e xentilicios orixinados, as vicisitudes históricas, as etimoloxías populares, reflectidas moitas veces polos emblemas e canta información sexa relevante para a cabal intelección do topónimo.

Todo este intenso labor represéntase de maneira precisa no número de formas tratadas: máis de 9.000 a día de hoxe, das cales foron publicadas 930 fichas etimolóxicas e 1.200 toponímicas. Un dos puntos fortes do proxecto é a posta en común de investigadores de tódolos puntos peninsulares, o que implica a colaboración e as achegas que iluminan os distintos resultados. Neste sentido, no encontro de xuño exporanse étimos que exemplifican distintos ámbitos semánticos e que serán arrequecidos coas contribucións dos demais territorios.

Así, ao estudar cada unha das formas, consideraranse non só os descendentes directos que aparecen na aplicación, senón tamén os cognados que son citados en cada un deles. É imposible ofrecer fichas toponímicas de todos e cada un dos resultados toponímicos de cada étimo, pero non o é consignar a relación completa dos cognados. Isto só o poden facer os investigadores de cada un dos dominios lingüísticos, polo que sería desexable que prestasen atención aos étimos que se exporán no congreso para completar na aplicación o resultado dalgún descendente etimolóxico por cada lingua (se non o hai xa) e comprobar que estea completa a relación dos cognados. Os responsables de cada étimo tamén se poden pór en contacto cos especialistas en cada lingua para pedirlles máis datos.

Sección