Simposio ILG 2022

A edición dixital de textos antigos: modelos, proxectos e ferramentas
Data de inicio: 
luns, Novembro 28, 2022 - 16:00

O Simposio 2022 do ILG foi concibido como unha volta ao labor filolóxico primordial, o da ecdótica e a edición de textos, mais cunha ollada renovada, sustentada nas novas tecnoloxías promovidas polas Humanidades Dixitais, interdisciplinar e colaborativa. Neste sentido, a edición deste ano comporta unha novidade con respecto aos vinte e un simposios anteriores do ILG, nos cales, a excepción do encontro de 2017 (Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna), foron sempre aspectos lingüísticos os que se abordaron como eixo temático. Naquela edición, dúas das tres partes do programa estiveron dedicadas á edición, dixital ou non, de textos galegos da Idade Moderna e ao primeiro escritorio-corpus de multiedición na altura (o corpus Gondomar). Por tanto, constitúe aquel encontro do ano 2017 o antecedente do simposio actual, ao que se lle dá continuidade pondo o foco da edición dixital no período medieval, na seguranza de que no ILG non se abandonará, como unha das liñas esenciais e fundacionais, a edición de textos antigos.

Na configuración dos contidos do programa constitúen o núcleo principal as contribucións de especialistas das áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa e Historia medieval, que ofrecen un amplo e rico panorama dos proxectos en curso e do potencial presente e futuro na edición dixital de textos galegos e portugueses. Como complemento das anteriores achegas é necesaria a contextualización do estado actual do labor editorial no marco global das Humanidades Dixitais, polo que nas dúas primeiras sesións do simposio recoñecidos especialistas do ámbito ibérico e internacional achegarán a súa experiencia e logros destacados. O simposio adórnase cunha ollada de recoñecemento e homenaxe ao Dr. Harvey L. Sharrer, Emérito da Universidade de California (Santa Bárbara), cofundador dunha das ferramentas dixitais imprescindíbeis para o estudo e edición do patrimonio textual antigo, a BITAGAP (Bibliografía de Textos Antigos Galegos e Portugueses).

Poster: 

Sección