Simposio ILG 2007. Perspectivas sobre a oralidade

Data inicio: 
mércores, Outubro 17, 2007 - 14:30
Poster: 
Descrición: 

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza desde o ano 2001, de forma ininterrompida e con periodicidade anual, un simposio dedicado a un tema específico e de interese para a nosa comunidade científica. Con esta iniciativa o ILG pretende, por un lado, impulsar a investigación naquelas parcelas da lingüística galega que poidan estar hoxe desatendidas ou non abondo desenvoltas, ou, por outro, propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión dunha determinada materia. Para o presente curso (2007-2008) o tema acordado polo ILG é Perspectivas sobre a oralidade.

A oralidade é inherente ao ser humano e é a primeira e fundamental manifestación da linguaxe, pero é unha dimensión da lingua que ao longo da historia da lingüística con frecuencia ficou esquecida ou se tratou de maneira marxinal. Este é un eido do coñecemento que se pode abordar desde diferentes ángulos, non só desde a lingüística senón tamén desde outras disciplinas, como a antropoloxía, a literatura, a psicoloxía, entre outras. Hoxe existen en Galicia moitos especialistas que traballan nalgunha destas áreas vinculadas á oralidade, pero son tamén aínda moitos os campos que non se comezaron a traballar. Por tanto, o ILG quere contribuír coa organización deste simposio ao encontro dos investigadores que hoxe en día traballan en Galicia sobre algunha dimensión da oralidade, e á presentación e coñecemento doutros aspectos da oralidade ata hoxe non estudados no galego, para así enriquecer os traballos que se están a desenvolver e, asemade, contribuír a abrir novas liñas de investigación.

Todos os traballos presentados no simposio Perspectivas sobre a oralidade son contribucións orixinais, elaboradas por encargo expreso da organización por especialistas en cada materia, que poderán ser debatidos de maneira inmediata nos coloquios que seguirán a cada intervención e, de xeito demorado, tras a súa difusión escrita, en volume de actas publicado polo Consello da Cultura Galega (Sección de Lingua).Os traballos xiran arredor de diferentes focos de interese, que requiren diferentes especializacións e metodoloxías específicas: análise do discurso oral, a función estética da lingua oral, variación da lingua falada, a lingua oral nos medios de comunicación, a adquisición da lingua e aprendizaxe da expresión oral, o uso da voz na comunicación e uso de recursos non verbais, tecnoloxías da fala e a elaboración e etiquetaxe de córpora orais.Confiamos en que este simposio sirva de complemento e reforzo para a formación dos estudantes, especialmente de segundo e terceiro ciclos, e, ao tempo, de estímulo para que novos investigadores orienten a súa actividade cara a este suxestivo campo de estudo.

Descargas: