LingüisticaMente IV. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística

Data inicio: 
venres, Decembro 13, 2024 - 12:00
Lugar: 
Sala de divulgación do Instituto da Lingua Galega
Poster: 
Descrición: 

O 13 de decembro terá lugar no Instituto da Lingua Galega (ILG) unha nova edición de LingüisticaMente. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística, xornada organizada polo ILG, o Instituto de Psicoloxía e o Grupo Procesos Cognitivos e Conduta (PCC) da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén existirá a posibilidade de seguir a emisión en directo a través da nosa canle de Youtube.

Ás 12 h, Marcos Díaz Lago (USC) ofrecerá a conferencia "Co corazón ou coa cabeza? Toma de decisións na lingua materna ou nun idioma estranxeiro", en que explorará a relación entre os dous procesos cognitivos superiores por excelencia: a linguaxe e o pensamento, para observar ata que punto resolver un problema na nosa lingua materna ou noutro idioma pode determinar as nosas decisións. Ou, dito doutro xeito, se a lingua utilizada nos leva a tomar as nosas decisións coa cabeza ou co corazón.

Vítor Míguez (USC) falará, ás 13 h, sobre "Lingüística e modalidade: unha perspectiva cognitivo-funcional". Míguez ofrecerá argumentos que levan a cuestionar a validez do concepto modalidade como categoría para a análise lingüística e propoñerá un marco de traballo alternativo. Así, a presentación centrarase en explicar en que consiste estudar a linguaxe desde unha perspectiva cognitivo-funcional e en explorar un achegamento alternativo á modalidade que sexa coherente con esta perspectiva de estudo.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. As persoas que asistan presencialmente e desexen obter o certificado de asistencia, o día do evento deberán de indicar os datos necesarios para a súa emisión.