IV Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico

Data de inicio: 
xoves, Outubro 3, 2024 - 09:00
Data de fin: 
venres, Outubro 4, 2024 - 19:00

O IV Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico (SIALNI4), que se celebrará os días 3 e 4 de outubro de 2024 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, quere seguir o espírito das tres anteriores edicións, que tiveron lugar nas Universidades de Xénova (2021), Oviedo (2022) e Salamanca (2023), e aspira a converterse nun lugar de encontro de referencia para os académicos que se dedican á investigación da realidade lingüística do noroeste ibérico.

Poster: 

Sección

Cronograma
  • 30 de xuño de 2024 - Data límite de presentación de propostas
  • 31 de xullo de 2024 - Notificación de aceptación
  • 31 de agosto de 2024 - Data límite de inscrición e pagamento
  • 15 de setembro de 2024 - Publicación do programa do simposio e data límite para concorrer ao premio para investigadores noveis
  • 3 e 4 de outubro - SIALNI4
Submisións

As propostas de comunicación que se presenten deben abordar aspectos de carácter lingüístico relacionados con algunha das variedades faladas no noroccidente da península ibérica (asturiano, castelán, galego, leonés, mirandés e portugués). As liñas temáticas que se propoñen son:

  • Análise sincrónica da estrutura lingüística: fonética, fonoloxía, prosodia, morfoloxía, sintaxe, semántica, pragmática, léxico, etc.
  • Análise diacrónica
  • Dialectoloxía
  • Aspectos sociolingüísticos
  • Estandarización e política lingüística
  • Historiografía lingüística

As comunicacións orais terán unha duración máxima de 20 minutos, mais 10 minutos adicionais para comentarios e preguntas.

As propostas de comunicación, que serán redactadas en calquera lingua románica, deben concordar co tema do encontro. Para a submisión debe cubrirse o seguinte formulario e enviarse antes do día 30 de xuño de 2024 á dirección de correo electrónico ilg.sialni4@usc.gal. Os resumos non deben exceder as 300 palabras, excluídas as referencias bibliográficas. As propostas serán avaliadas de maneira anónima polos membros do comité científico, e notificaráselles ós autores a aceptación ou rexeitamento antes do día 31 de xullo de 2024. Ás persoas aceptadas tamén se lles comunicarán as instrucións para realizar a inscrición no simposio, que deberá efectuarse antes do 31 de agosto de 2024.