II Xeira CLARIAH-GAL
CLARIAH-GAL é o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura de investigación dixital distribuída constituída por un grupo multidisciplinar de expertos de dez institucións españolas de investigación. A súa misión é coordinar a participación de España nos Consorcios Europeos de Infraestruturas de Investigación CLARIN e DARIAH, facilitar o avance da investigación española en humanidades, artes e ciencias sociais e promover o posicionamento estratéxico en proxectos e programas internacionais, principalmente no contexto do Espazo Europeo de Investigación.
A II Xeira CLARIAH-GAL pretende ser un espazo para dar a coñecer estas infraestruturas, así como para difundir e pór en contacto proxectos e grupos de investigación galegos que traballen no ámbito das Humanidades Dixitais e das tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.
O próximo día 9 de maio terá lugar a II Xeira no salón de graos da Facultade de Filoloxía. Ademais de conferencias e comunicacións por convite, durante o evento presentaranse pósters de proxectos relacionados coas Artes, Ciencias Sociais e Humanidades Dixitais que se estean levando a cabo en Galicia ou por grupos de investigación galegos.
