Atlas Multimedia Prosódico do Espazo Románico (AMPER-Gal)
O proxecto AMPER nace cara ao final da década dos 90, impulsado polo Centre de Dialectologie da Universidade Stendhal-Grenoble 3, co obxectivo de fornecer unha descrición da prosodia do espazo lingüístico románico. Na actualidade participan un grande número de investigadores europeos e latinoamericanos, baixo a coordinación dos profesores Michel Contini (Université Stendhal-Grenoble 3, Francia) e Antonio Romano (Università degli Studi di Torino, Italia). A meta de todos estes grupos de investigación é realizar un atlas prosódico en formato multimedia que se poida poñer a disposición dos usuarios na rede. Dito atlas está formado por unha serie de mapas falantes que permiten escoitar a entoación das diferentes modalidades oracionais, así como mostrar os gráficos cos valores de F0, duración e enerxía para as comparacións entre as diferentes variedades lingüísticas románicas.
AMPER Galicia é unha das seccións que integran este proxecto internacional e ten como obxectivo particular o estudo, comparación e representación da distribución xeográfica dos patróns melódicos das distintas variedades do galego.