Un novo corpus lingüístico para o galego

Data: 
martes, Maio 15, 2018 - 05:30

O Instituto da Lingua Galega pon á disposición do público a través da súa páxina web un novo corpus lingüístico de textos galegos. Trátase de Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna, que reúne a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII, entre os que figuran varios textos descoñecidos ata o momento. O proxecto foi dirixido por Ernesto González Seoane e Rosario Álvarez e contou co financiamento do Ministerio de Economía y Competitividad.

Gondomar ofrece unha multiedición de todos os textos que forman parte do corpus, que inclúe sempre dúas versións, unha transcrición paleográfica ou moi conservadora dos textos e unha edición interpretativa, con posibilidade de navegar entre unha e outra. Ademais, ofrécese tamén unha reprodución fotográfica dos textos orixinais ou das copias que serviron de base para a edición. A relación de textos editados inclúe varios textos descoñecidos ata o momento. Entre eles, paga a pena destacar o Entremés al feliz y real parto de nuestra Reyna, composto en 1707 por Salvador Francisco Roel. O texto, descuberto por Julio Rodríguez Montañés e editado, lematizado e etiquetado por Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane, está enmarcado na Guerra de Sucesión española e foi composto para celebrar o nacemento do primoxénito de Filipe V e María Gabriela de Savoia, que reinaría brevemente como Luís I. Trátase do máis antigo texto impreso en lingua galega publicado como obra independente.

Por outra banda, todos os textos do corpus están lematizados e conteñen anotación morfosintáctica, o que multiplica as súas posibilidades de explotación a través da aplicación de busca. O proceso de edición, lematización e anotación dos textos realizouse a través da plataforma TEITOK, desenvolvida por Maarten Janssen, que é a que proporciona tamén as ferramentas de busca e explotación do corpus.

O corpus agora ofrecido seguirá arrequentándose proximamente con novas achegas e está aberto á colaboración con cantos investigadores desexen participar.