O ILG traballará na realización do Dicionario de Apelidos Galegos e na redacción dunha gramática descritiva do galego actual

Data: 
luns, Xaneiro 24, 2011 - 17:45

O ILG acometerá nos vindeiros anos a realización do Dicionario de Apelidos Galegos e a redacción dunha gramática descritiva do galego actual. Trátase de dous proxectos que o ILG acometerá a través de senllos convenios que o reitor da USC, Juan Casares, asinou este luns 24 co presidente da Real Academia Galega, Xosé L. Méndez Ferrín, na sede desta última institución na Coruña.No acto, que contou coa presenza da directora do ILG, a profesora Rosario Álvarez, o presidente da Academia Galega destacou que a sinatura do convenio tiña un dobre valor, xa que ademais de regular a colaboración para o desenvolvemento dos proxectos, representa a primeira visita oficial dun reitor compostelán á Academia. Na súa estadía na RAG, o Juan Casares asinou no Libro de Honra desta institución.A primeira das liñas de traballo estenderase inicialmente por un período de dous anos, e realizarao un equipo de investigación que coordina a profesora da USC Ana Isabel Boullón Agrelo, responsable da sección de onomástica do ILG, e que integran ademais Luz Méndez, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez . A finalidade desta obra será contribuír á normalización da lingua galega no eido da onomástica persoal.

 

Contará, segundo se recolle o documento asinado, cun número de entradas significativo con respecto ao total do conxuntos dos apelidos en Galicia. Cada un dos rexistros será unha proposta lematizada, con información etimolóxica, histórica e, de ser o caso, cartográfica, segundo unha estrutura deseñada polos investigadores.

 

Gramática descritivaA redacción dunha gramática do galego actual concíbese para que cubra os obxectivos de servir como gramática académica e de contribuír a definir e difundir o estándar. Este é o obxectivo do segundo dos convenios asinado nunha liña de traballo que coordinará a profesora Rosario Álvarez e na que están implicados igualmente Francisco A. Cidrás, Ernesto X. González, Xosé L. Regueira e Xosé Xove. A vixencia do acordo para o seu desenvolvemento rematará o 31 de decembro de 2013.O traballo de investigación está orientado á elaboración dunha gramática de referencia, con descrición de feitos e abundantes exemplificacións, pouco argumentativa no que atinxe á escolla entre as distintas opcións de análise e sen aparato teórico.