Nova publicación sobre a poesía popular oral co gallo das Letras Galegas

Data: 
mércores, Xuño 25, 2025 - 15:15
Imaxe: 

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela editou, baixo a coordinación da investigadora do Instituto da Lingua Galega Ana Boullón, o volume Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral.

O volume, publicado por Edicións USC, reivindica “o valor da poesía popular oral, transmitida xeración tras xeración, de forma case sempre anónima e fóra dos recintos culturais hexemónicos, representada por sete mulleres afastadas dos devanditos clixés”, tal e como explicou no acto de presentación Ana Boullón. A obra bota luz sobre os compoñentes da nosa tradición popular e vindica unha voz múltiple, de muller, a voz das clases subalternas sempre invisibilizadas que termaron da lingua e que, sen formación académica, souberon crear un imaxinario colectivo, un universo poético que reflicte, con humor e sabedoría, con sensibilidade e retranca, o mundo en que viven, as preocupacións, as angueiras cotiás, o amor, a vida.

Neste volume poden lerse os traballos dos membros do noso centro Antón Santamarina, que presenta unha historiografía dos cancioneiros galegos, e María Álvarez de la Granja, que escribe sobre as cores da poesía popular galega.