Congreso da AGANTRO sobre a emerxencia lingüística

Data: 
venres, Xuño 6, 2025 - 10:30
Imaxe: 

O vindeiro 6 de xuño a Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) celebra o seu congreso anual no Instituto da Lingua Galega da USC baixo o título A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas. Este ano, debido á situación de emerxencia lingüística en que se encontra o galego, xa que deixou de ser por primeira vez na historia a lingua maioritaria en Galicia e ten un escaso uso entre os e as menores de 14 anos, vaise reflexionar sobre o que pode facer a antropoloxía perante esta situación crítica.

As relacións entre lingua e cultura foron un tema clásico da antropoloxía, se ben en Galicia recibiron, polo de agora, unha atención limitada por parte desta disciplina. Por unha banda, quérese contribuír con este evento aos debates establecidos pola sociolingüística e explorar, por exemplo, as relacións de poder e as ideoloxías existentes tras as prácticas lingüísticas ou afondar na comprensión dos procesos de creba e mantemento da transmisión lingüística interxeracional mediante o estudo situado da socialización lingüística. Por outra, faise preciso ampliar a ollada e integrar a lingüística como unha dimensión máis dos procesos complexos de transformación da sociedade galega resultado da presión socioeconómica sobre o mundo rural, o inverno demográfico e os movementos migratorios ou as descontinuidades cada vez máis disruptivas froito das novas tecnoloxías.

A asistencia ao encontro é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Non é necesario ser socia/o de AGANTRO, pero é precisa a inscrición a través do formulario ata o 30 de maio ás 12 h.