V Congreso Toponomasticon Hispaniae. O camiño hispánico do étimo aos topónimos
Chegamos ao último congreso da primeira fase do proxecto Toponomasticon Hispaniae, despois de celebrar o primeiro en Lleida (2022), o segundo en Madrid (2023), o terceiro en València (2024) e o cuarto en Uviéu (2024), coa publicación das actas respectivas. Neste de Santiago de Compostela, abordaremos unha tarefa concreta: proxectar nun volume algúns dos étimos traballados coa súa respectiva descendencia para mostrar á comunidade científica os resultados obtidos.
Durante estes catro anos de traballo expuxemos na aplicación a metodoloxía do traballo toponímico, mediante o deseño dunha ficha que abrangue moitas das posibles perspectivas do estudo dos nomes de lugar, non soamente a etimolóxica. Así, temos en conta a motivación, as imprescindibles atestacións escritas ó longo do tempo, a localización xeográfica, os apelidos, nomes persoais e xentilicios orixinados, as vicisitudes históricas, as etimoloxías populares, reflectidas moitas veces polos emblemas e canta información sexa relevante para a cabal intelección do topónimo.
Todo este intenso labor represéntase de maneira precisa no número de formas tratadas: máis de 9.000 a día de hoxe, das cales foron publicadas 930 fichas etimolóxicas e 1.200 toponímicas. Un dos puntos fortes do proxecto é a posta en común de investigadores de tódolos puntos peninsulares, o que implica a colaboración e as achegas que iluminan os distintos resultados. Neste sentido, no encontro de xuño exporanse étimos que exemplifican distintos ámbitos semánticos e que serán arrequecidos coas contribucións dos demais territorios.
