Simposio ILG 2012 - Un galego común, fiel a si mesmo

Trinta anos de estandarización: 1982-2012
Data inicio: 
martes, Decembro 11, 2012 - 16:30

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza desde o ano 2001 simposios dedicados a temas específicos de interese para a nosa comunidade científica. A través destas iniciativas o ILG pretende propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión dunha determinada materia, impulsar avances na investigación en parcelas da lingüística galega desatendidas ou non abondo desenvoltas e, asemade, contribuír á renovación en métodos e resultados.

No ano en curso de 2012 cúmprense trinta anos da publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) elaboradas por unha comisión mixta do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (daquela, a única universidade galega) e a Real Academia Galega, e aprobadas en sesión conxunta de ambas as dúas institucións.

O fito dos 30 anos cumpridos ofrece unha ocasión para revisar o camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro. A iso pretendemos contribuír co programa do Simposio deste ano. Como cada ano, o Simposio do Instituto da Lingua, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, diríxese a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.

Poster: 

Sección