USC. Instituto da Lingua Galega

Dicionario de pronuncia
da lingua galega

CRITERIOS E OBSERVACIÓNS

A pronuncia e as transcricións deste dicionario pretenden representar o galego estándar nun rexistro formal, cun ritmo algo máis lento ca o da fala normal.

Algunhas palabras presentan dúas pronuncias co mesmo rango, mais noutros casos dáse unha transcrición preferente e outra secundaria (que aparece entre parénteses). Normalmente trátase de pronunciacións que, sendo minoritarias dentro do conxunto do galego, teñen unha presenza importante na lingua falada. Para a exposición e discusión dos criterios, véxase a introdución ao Dicionario de pronuncia da lingua galega (PDF).

1. Sistema consonántico

Utilizamos o sistema consonántico do galego estándar, polo que non se representa a gheada nin o seseo, sen que isto implique un xuízo desfavorable para estes sistemas alternativos (Véxase a introdución ao Dicionario de pronuncia da lingua galega, 5.2.2).

Tamén se transcribe sempre a consoante lateral palatal [ ʎ ], mais debido a que esta pronuncia é moi minoritaria no galego actual, non foi posible contar cun locutor ou locutora que reunise os requisitos necesarios e que, ao tempo, tivese a lateral palatal na súa lingua natural. Por esa razón, existe neste punto unha discrepancia entre a transcrición e a pronuncia (normalmente realizada con aproximante palatal pechada [ ʝ̞ ], con oclusiva palatal voceada [ ɟ ] ou con fricativa palatal voceada [ ʝ ]).

2. Vogais tónicas

Tocante ao timbre das vogais tónicas nas formas que presentan máis dun resultado na lingua falada, proponse a forma máis estendida. En certos casos en que existen dúas variantes amplamente representadas e socialmente aceptadas, recóllense ambas. Algunhas veces indícase unha forma preferente, por ser máis estendida, e outra secundaria (entre parénteses), tamén aceptable. Na adaptación de palabras cultas procurouse reducir o número de formas dobres.

3. Vogais átonas

Nas vogais átonas seguimos o criterio de evitar no posible as dobres solucións, agás en certos derivados de formas con variación xeográfica da vogal tónica (p.e. moitos verbos en –entar) e en certos cultismos. Dado que con certa frecuencia existen distintos procedementos de adaptación, a variación no vocalismo átono neste tipo de léxico é relativamente frecuente, e a inclusión de dobres formas multiplicaría innecesariamente o número de propostas, o que, dada a finalidade deste dicionario, podería resultar ineficaz e mesmo confuso. Aínda así, recóllense dobres adaptacións cando se consideran amplamente difundidas na fala.

4. Grupos cultos

Os grupos consonánticos dos cultismos aparecen representados na súa realización formal. Como se advirte na introdución ao Dicionario (5.3), estas oclusivas teñen realizacións pouco tensas e sen ruído de apertura ( [ ˈrɛk̚to̝ ] , [ ab̚suɾðo̝ ] ), así como pronuncias máis relaxadas (aproximantes). Nos rexistros menos formais estas oclusivas tenden a desaparecer.

5. Estranxeirismos

Nos estranxeirismos que conservan grafías non adaptadas seguiuse o criterio de representar a pronuncia da lingua orixinal en primeiro lugar, e a seguir unha pronuncia adaptada total ou parcialmente á fonética galega. A utilización dunha pronuncia máis achegada á lingua orixinal ou máis adaptada depende da situación e do contexto, polo que corresponde á competencia pragmática e sociolingüística de cada falante elixir a forma adecuada. Non obstante, ha de terse en conta que se trata sempre de formas que non están integradas nin graficamente nin fonoloxicamente.

6. Nomes de persoa

Para establecer a forma proposta dos nomes propios de persoa seguimos os mesmos criterios que para o léxico xeral. Por tanto, proponse unha forma que consideramos socialmente estendida, ou nalgúns casos dúas formas alternativas, sen que iso queira dicir que non existan outras pronuncias posibles. Coma no caso dos cultismos, procuramos reducir a presenza de formas dobres.

7. Apelidos

Neste caso propoñemos unha pronuncia que, segundo os nosos datos, é habitual nas persoas que levan o apelido de que se trate.

8. Topónimos

Nos nomes de entidades de poboación, montes, ríos e outros nomes de lugar, procuramos representar a pronuncia das persoas que residen no lugar ou na zona. En coherencia coa pronuncia empregada no resto do dicionario, os nomes de lugar están realizados con [ θ ] e con [ ɡ ] ~ [ ɣ ].

9. Economía de signos diacríticos

Outras convencións de transcrición foron a economía de diacríticos que poderían dificultar a lectura das formas fonéticas e que indican modificacións da articulación que resultan previsibles. Así, os signos [ β, ð, ɣ ] representan aproximantes e non fricativas, sen que apareza o diacrítico habitual [ ◌̝ ] nestas representacións; a fricativa [ s ] aparece sen o diacrítico que indica apicalidade [◌̺], aínda que esa é a realización normal da locutora e o locutor, e do galego estándar. Tampouco se indica a sonorización contextual das fricativas [ s ] e [ θ ], e omítense os diacríticos que indican a coarticulación das nasais coronais ante consoante, e por iso aparece [ n ] diante de consoante dental, alveolar e palatal.

10. Silabación

Sacados uns poucos casos, a silabación das secuencias fónicas do galego é deducible da pronuncia e, ademais, perfectamente previsible, polo que non se indica nas transcricións: [ kantaˈɾejɾo̝ ] = [ kan.ta.ˈɾej.ɾo̝ ]. Tamén son previsibles as silabacións de obstruínte + vibrante, en casos coma [ abroˈɣaɾ ] (=[ ab.ro.ˈɣaɾ ]) , [ adreˈnal ] (=[ ad.re.ˈnal] ) fronte a [aβɾoˈʎaɾ] (= [a.βɾo.ˈʎaɾ] ) ou [ aðɾenaˈlina̝ ] (= [aðɾenaˈlina̝] ), dado que en galego non existen os grupos [ br ] [ dr ] tautosilábicos. Nótese, en cambio, que nalgúns casos a grafía bl pode corresponder a unha secuencia heterosilábica [ b.l ] (obliterar [ ɔblitɛˈɾaɾ ], subliminar [ sub.li.mi.ˈnaɾ ]), no canto da máis común tautosilábica [ βl ] (oblea [ ɔ.ˈβle.a̝ ], sublime [ su. βli.me̝ ]).

 

Información máis detallada sobre os criterios: introdución a Dicionario de pronuncia da lingua galega (A Coruña: RAG, 2010). (PDF)

© 2024 Instituto da Lingua Galega - USC
ISSN: 2660 - 8235