Esta aplicación realiza buscas sobre as formas indexadas dos volumes do Altas Lingüístico Galego publicados ata a actualidade. As buscas poden facerse sobre o conxunto de formas rexistradas como respostas [Formas] ou sobre o texto que figura como nome dos mapas [Nome do mapa]. As formas que aparecen en transcrición fonética nos volumes publicados convertéronse a ortografía convencional para facilitar as buscas. O dígrafo <gh> foi utilizado de acordo coas convencións adoptadas nos volumes publicados.
Nas buscas poden utilizarse como caracteres comodíns o asterisco (*) e a interrogación de peche (?). O asterisco equivale a un conxunto de caracteres ó inicio ou á fin dunha secuencia: ó escribir man* buscaranse as palabras que comezan por man- (man, manco, manicho, etc.). A interrogación de peche ten o valor dun carácter: ó escribir ?ela buscaranse as palabras de catro letras que rematan en –ela (dela, pela, vela, etc.). Os resultados das buscas poden ordenarse polos campos que se sinalan nas cabeceiras e ademais poden gardarse como arquivos en formato Excel (*.xls).
A aplicación permite tamén obter unha lista ordenada de todos os mapas que contén cada un dos volumes.
O Atlas Lingüístico Galego é un proxecto do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela que se desenvolve coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Esta obra é publicada como libro coa axuda da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Ata a actualidade apareceron cinco volumes: Morfoloxía verbal; Morfoloxía non verbal; Fonética; Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; e Léxico. O ser humano (I). O material sobre o que se elaborou o ALGa confórmano as enquisas realizadas en 167 puntos de Galicia, Asturias e Castela e León entre os anos 1974 e 1976. O cuestionario utilizado nas enquisas está constituído por preguntas de fonética, morfoloxía, sintaxe e léxico.
Forma de cita: Xulio Sousa Fernández: Índices do Atlas Lingüístico Galego. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.gal/indices/> [Consultado: <data>]
© 2024 Instituto da Lingua Galega - USC
ISSN: 2660-7883