Reyes Rodríguez publica un libro sobre a realidade sociolingüística da Limia Baixa

Data: 
Miércoles, Diciembre 4, 2024 - 13:45
Imaxe: 

Acaba de saír do prelo A Limia Baixa. Onde o mundo se chama en galego, da investigadora do ILG Reyes Rodríguez Rodríguez, na 

colección Materiais Lingüísticos do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

Nesta monografía de natureza sociolingüística tracéxase, a través da mocidade da Limia Baixa, a situación actual da súa lingua mais as actitudes e prexuízos que afloran nesta comunidade. A través dos mozos e mozas baixolimegas investígase a posición do galego, o compromiso coa súa lingua no presente e no futuro e tamén a presenza e defensa da súa variedade dialectal. Amais, afóndase nas actitudes cara á súa propia variedade dialectal mediante a análise dos dous fenómenos máis representativos do seu galego: a gheada e o mantemento de sibilantes sonoras.

A Limia Baixa é unha área situada ao suroeste da provincia de Ourense que linda con Portugal polo sur e polo oeste. O seu galego presenta unha situación particular, xa que existe un panorama lingüístico dominado polo monolingüismo na súa variedade dialectal baixolimega en todos os ámbitos e niveis da vida. O contacto co galego estándar, co español e co portugués inflúe na existencia, mantemento ou retroceso dos seus trazos dialectais e, por suposto, nas actitudes que os falantes teñen debido a esta situación.