Investigadoras do ILG, entrevistadas na revista GCiencia

Data: 
Martes, Diciembre 22, 2015 - 17:45
Imaxe: 

A filóloga Soraya Suárez Quintas e a matemática Laura Calaza Díaz, investigadoras do Instituto da Lingua Galega, foron entrevistadas na revista dixital GCiencia - O Portal da Ciencia Galega, con motivo do seu proxecto sobre dialectoloxía perceptiva.

A dialectoloxía perceptiva é unha disciplina que se centra no estudo das impresións, crenzas e actitudes dos falantes sobre a variación dialectal. O seu principal interese reside na importancia que se lle outorga ás reflexións lingüísticas dos non-lingüistas, colocando nun primeiro plano os coñecementos e as valoracións dos falantes sobre a variación idiomática en relación co espazo.

O proxecto no que traballan as investigadoras Soraya Suárez Quintas e Laura Calaza Díaz ten como finalidade o desenvolvemento dunha ferramenta que permita obter información sobre as percepcións que os falantes teñen en relación coas diferentes variedades dialectais galegas e que, ademais, facilite a análise e interpretación dos datos recadados. O estudo parte dos xuízos de valor dos informantes a partir de estímulos sonoros de diferentes procedencias xeográficas. A comparación destes datos cos da dialectoloxía tradicional permite avaliar en que medida os falantes poden identificar diferentes variedades xeográficas no noso territorio e ata que punto as análises lingüísticas coinciden cos xuízos dos falantes.

As entrevistas estanse a realizar entre 180 persoas en 45 puntos da comunidade. A enquisa divide os falantes en dous grandes grupos etarios, entre os 20 e os 35 anos e entre os 50 e 65, dúas xeracións ás que se lles manda identificar nunha zona de Galicia gravacións previas e representativas dalgunha das variedades dialectais, para ver en que medida as recoñecen. As investigadoras fan tamén unha serie de preguntas destinadas a trazar o mapa mental das áreas da dialectoloxía tradicional e os prexuízos, actitudes e cambios da realidade lingüística.

O traballo apóiase nunha aplicación informática creada expresamente para este traballo, en ferramentas de información xeográfica (GIS) e nun software de estatística que permite, por vez primeira, cuantificar a parte máis subxectiva da fala.