Fondo pesar polo pasamento de Dorothé Schubarth

Data: 
Viernes, Septiembre 8, 2023 - 18:00
Imaxe: 

O ILG lamenta fondamente a perda da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, figura fundamental na recolla e preservación do noso folclore musical. Foi en 1978 cando Schubarth chegou a Galicia coa idea, como ela mesmo explicou nunha charla na Universidade de Vigo, de “buscar un sitio no que encontrar a raíz da música. É algo similar ao traballo que desenvolven os arqueólogos, pero moito máis complicado, porque a música acaba ao cantala e o único que queda despois é a memoria”.

Ao longo de 5 anos, visitou oitenta e dous concellos galegos e trece máis situados nas zonas galegofalantes limítrofes. O froito deste labor foron arredor de cinco mil letras diferentes que transcribiu o investigador do ILG Antón Santamarina e que clasificaron seguindo unha organización temática das letras: cantos de oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e outros cantos narrativos e dialogados e, finalmente, coplas diversas e cantos enumerativos. Todo este material está recollido nos sete volumes do Cancioneiro Popular Galego, obra editada pola Fundación Barrié e que se pode consultar na biblioteca do Instituto. 

Para o ILG a súa morte supón a perda dunha amiga, que sempre nos visitaba cando regresaba a Galicia, a súa segunda casa. Aquí traballaba nas súas estadías e recibía a numerosas persoas que querían entrevistala e achegarse ao seu coñecemento. Lembrarémola sempre con grande agarimo.