Léxico patrimonial (Galicia-Portugal-Brasil)

Descrición: 

A finalidade do proxecto é afondar no estudo da tradición, variación e mudanza no sistema lingüístico histórico galego-portugués, a través do léxico patrimonial, con datos de Galicia, Portugal e Brasil. Falamos de tradición pola evidencia dun fondo patrimonial compartido que vincula os falantes das diversas variedades de galego e de portugués, con maior grao de afinidade canto máis próximos esteamos do epicentro do territorio constitutivo das dúas linguas. Falamos tamén de variación —sobre todo diatópica e diacrónica—, que permitirá estudar as áreas léxicas e as vías de expansión ou repregamento; e falamos tamén de mudanza, pois contemplar o patrimonio léxico nun contexto tan amplo permitirá observar mellor os procesos históricos ou contemporáneos do cambio lingüístico.

O proxecto pretende promover novas vías de mellora do coñecemento e rendibilizar resultados anteriores, en boa medida obtidos no ILG con proxectos propios ou en parcería investigadores portugueses e brasileiros interesados nas ciencias do léxico —en sentido abranguente— e na variación lingüística neste amplo territorio.

Son obxectivos inmediatos mellorar os recursos existentes, facilitar a rápida dispoñibilización de materiais necesarios, promover novas liñas de cooperación con universidades portuguesas e brasileiras e realizar publicacións conxuntas.

Imaxe: 
Execution date: 
2017
Funded by: 
Por parte do ILG, convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (Xunta de Galicia). 2017-CP049.