Moscoso Mato, Eduardo

Usos medievais da lingua galega: a prosa escrita

Conscientes de que, cando se fala de literatura galega medieval, normalmente nos referimos ás cantigas (lírica galego-portuguesa medieval), queremos nesta contribución lembrar que tamén existe unha rica prosa en galego medieval, que abarca as principais temáticas literarias que circulaban na época por outros reinos peninsulares e europeos.

Ver descrición

Podemos afirmar que a maioría da poboación galega minimamente escolarizada escoitou falar algunha vez das cantigas medievais galegas ou galego-portuguesas. Termos como cantigas de amigo ou cantigas de amor adoitan non seren estraños para a maioría do estudantado galego de ensino medio. Poderiamos dicir que a literatura galega medieval está asociada con esas composicións líricas de modo inseparable. E mesmo sabemos que este xénero literario excedeu as fronteiras dos reinos de Galicia e Portugal, ata o punto de que o galego-portugués da época era unha lingua lírica empregada por poetas alleos a estes dous reinos.

Debido quizais á grande importancia desas xoias literarias que son as cantigas, habitualmente non nos detemos en dar a coñecer as tamén magnificas obras medievais en prosa que se elaboraron no reino de Galicia. É certo que moitas delas son traducións ou adaptacións de textos latinos ou textos compostos noutras variedades romances da época (castelán, francés...) pero, aínda así, demostran que a literatura galega de entón fixo seus os principais temas literarios que circulaban pola Europa da época.

Así, na Crónica Troiana e na Historia Troiana podemos ler temas da literatura clásica: a guerra de Troia, o feitizo de Aquiles, a morte de Ulises, os amores de Helena e Paris...

O fragmento conservado do Livro de Tristán indícanos que tamén se verteron á nosa lingua páxinas relacionadas coa materia literaria creada arredor da corte do Rei Arturo, os seus Cabaleiros da Mesa Redonda e a busca do Santo Graal.

Ademais destas composicións de contido ficcional, outro grupo de obras ofrece unha pretensión máis histórica, aínda que na Idade Media a miúdo se mesturan os contidos históricos con contidos fantasiosos. Así na Geral Estoria preténdesenos contar a historia da humanidade, polo que podemos ler pasaxes bíblicas tan universiais como a creación do mundo, o diluvio universal ou a historia de Abraham.

Na Cronica geral galega cóntase unicamente a historia dos reinos (e reis) de Galicia, León e Castela desde finais do século VIII ata comezos do XIV. Se queremos completar a historia destes tres reinos peninsulares, A Crónica de 1404 comeza o relato desde a creación do mundo ata comezos do século XV.

De temática máis galega son dous textos de prosa relixiosa. Un deles, os Miragres de Santiago está directamente relacionado co Camiño de Santiago e co culto xacobeo. Baséase en grande medida no que se conta no Códice Calixtino, texto latino do século XII tristemente coñecido a raíz do roubo do códice orixinal conservado na Catedral de Santiago. A finalidade destas obras é enxalzar a figura do apóstolo Santiago e promocionar a viaxe a Compostela con fins relixiosos. É digno de sinalar que nunha das partes dos Miragres de Santiago atopamos tamén unha temática común ás literaturas europeas medievais: a historia das loitas do emperador Carlomagno contra os musulmáns, contada en clave relixiosa. É tamén de destacar outra parte desta obra: A Guía do peregrino. Trátase quizais da primeira guía turística da historia, nela ofrécese información sobre o Camiño de Santiago e acaba cunha descrición bastante pormenorizada da cidade de Compostela e da súa catedral.

O outro texto de carácter relixioso ó que nos queremos referir é a Crónica de Iria, tamén relacionado coa temática xacobea, no que se pretende prestixiar a Igrexa de Santa María de Iria (Padrón), que foi perdendo poder polo influxo de Compostela.

Tamén conservamos un texto galego de carácter técnico: o Livro de Alveitaría [1]. Nel danse coñecementos sobre o cabalo, desde a súa descrición e coidados ata as súas doenzas e a forma de curalas.

Moitos son os textos de carácter xurídico en galego medieval que se conservan de modo máis ou menos completo. A meirande parte deles son traducións de obras compostas inicialmente en castelán, como é o caso das Sete Partidas, o Foro Real, as Flores de Dereito ou o Foro Juzgo.

Podemos observar, polo tanto, que as clases sociais máis poderosas da sociedade galega destes últimos séculos da Idade Media promoveron a elaboración na lingua autóctona, o galego, dos textos máis importantes que circulaban pola Península Ibérica e pola Europa da época. Estas traducións ou adaptacións dos textos á nosa lingua non parece que viñesen motivadas, na maioría dos casos, pola incapacidade de entender os textos na lingua orixinal, senón polo desexo de prestixiar a lingua e cultura propias. Esta autoafirmación e prestixio do propio era unha forte arma de loita dos nobres galegos contra o poder real, que xa non estaba en Galicia, senón que se desprazara primeiro a León e máis tarde a Castela.

Finalmente non podemos esquecer que, ó lado das cantigas medievais ás que nos referimos ó comezo, ó lado da prosa de ficción, histórica, relixiosa, técnica ou xurídica, temos tamén unha enorme cantidade de textos de carácter legal escritos na nosa lingua entre os séculos XIII e XV: testamentos, partillas, doazóns, compra-vendas, demandas, preitos; actas de concellos, cabidos e outras institucións civís, eclesiásticas, públicas e privadas; ordenanzas e regulamentos de gremios e confrarías... En resumo, o galego era a lingua usada nestes séculos en Galicia, tanto oralmente como por escrito, para todas as funcións e por todas as clases sociais.

Finalmente, cómpre indicar que, neste breve repaso, só nos referimos ós principais textos compostos no reino de Galicia. O número deles multiplicaríase se citásemos tamén os textos compostos no reino de Portugal, escritos nunha variedade lingüística que, nesa altura histórica, era a mesma que a usada no reino de Galicia.

Como é coñecido, esta situación lingüística comezou a mudar pouco a pouco na fin da Idade Media e, a partir do século XVI, xa o castelán pasou a ser a lingua de cultura en Galicia, o idioma que se escribía. O galego quedou relegado sobre todo á oralidade e mesmo as clases altas galegas se foron afastando progresivamente del nos séculos seguintes.

Pero esa é outra historia... Hoxe quixemos aproximarnos ós textos galegos medievais en prosa [2].


 


[1] A albeitaría é o coñecemento das enfermidades e dos coidados dos animais. Un/unha albeite é unha especie de curandeiro/a dos animais.

[2] Se o lector tiver interese en afondar no coñecemento da prosa medieval galega, seralle de grande utilidade esta obra: Corral Díaz, Esther & Ricardo Pichel (coords). (2020). Guía para o estudo da prosa galega medieval. Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. <https://www.cirp.gal/pub/docs/argamed/argamed03.pdf >

Moscoso Mato, Eduardo. 2026. Usos medievais da lingua galega: a prosa escrita. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 09/11/2026 ás 18:30].

Eduardo Moscoso Mato
Eduardo Moscoso Mato

Eduardo Moscoso Mato é profesor de Filoloxía Galega na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto da Lingua Galega. Dentro dos seus intereses investigadores están o galego medieval, a historia da lingua, a gramática histórica e o coñecemento e difusión dos textos galegos medievais.

Inicia sesión para deixar un comentario.

Comentarios