Conferencia de Carsten Sinner sobre o galego e o castelán de Uruguai

Data inicio: 
Martes, Marzo 3, 2026 - 11:00
Poster: 
Descrición: 

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 3 de marzo, ás 11:00 horas, a conferencia “O contacto entre galego e castelán en Uruguai. Análises sobre o corpus PRESEEA de Montevideo”, impartida por Carsten Sinner, catedrático de Lingüística e Translatoloxía das Linguas Iberrománicas na Universidade de Leipzig e director do Centro de Estudos Galegos desta institución.

A sesión abordará unha realidade pouco estudada dentro da investigación sobre contacto lingüístico: o contacto do galego co castelán en América. Fronte á abundancia de estudos sobre o contacto do castelán arxentino e uruguaio con linguas como o italiano, inglés, alemán ou francés, o papel do galego permaneceu practicamente desatendido na lingüística hispánica.

Durante a súa intervención, Sinner analizará as razóns deste desinterese, vinculándoo en parte aos prexuízos culturais cara á emigración galega na área do Río da Prata. Ademais, presentará exemplos concretos de influencias lingüísticas do galego sobre o castelán uruguaio, baseándose nunha revisión sistemática da bibliografía especializada e en estudos empíricos realizados, aínda que non só, a partir do corpus PRESEEA de Montevideo.

Con esta actividade, continúanse a promover espazos de reflexión arredor da variación e do contacto lingüístico, ampliando deste xeito a mirada cara ás comunidades galegas emigrantes e o seu impacto nas variades do español de América.