Presentación do novo Dicionario de pronuncia da lingua galega
O Dicionario de pronuncia da lingua galega é un recurso consultable en liña (ilg.usc.es/pronuncia) que presenta o léxico galego contido no Dicionario da Real Academia Galega, coa transcrición fonética e a locución da pronuncia correspondente a cada palabra.
Esta versión mellorada e ampliada, ademais de incluír as voces que foron incorporadas ao dicionario da RAG recentemente, tamén recolle os 1000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1500 apelidos galegos, os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros. Ademais, a aplicación informática permite realizar buscas por formas fonéticas ou por cadeas de sons.
Nesta nova versión, o Dicionario de pronuncia ve incrementada dunha maneira importante a súa funcionalidade e a súa utilidade, tanto para fins docentes e para a aprendizaxe da lingua como para os medios de comunicación falados, entre outros usos.
O Dicionario foi desenvolvido por un equipo do ILG dirixido polo profesor Xosé Luís Regueira e contou co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Radio Galega. A xornalista Belén Regueira foi a encargada de poñer voz aos nomes propios e ás novas entradas.
O Dicionario de pronuncia engádese ao importante conxunto de recursos que o Instituto da Lingua Galega ofrece a través da súa páxina web. Cun deseño e estrutura completamente renovados, a nova web permite, entre outras funcionalidades, acceder de maneira áxil e directa ás publicacións dos investigadores do Instituto así como ás ferramentas de consulta e explotación de datos lingüísticos (córpora, dicionarios electrónicos, etc.) elaboradas como resultado dos proxectos de investigación desenvolvidos polos seus equipos de traballo.
Como centro público de investigación, o Instituto da Lingua Galega cumpre deste xeito co seu compromiso de poñer ao dispor da comunidade investigadora e da sociedade galega en xeral, en acceso libre e sen restricións, todos os recursos e ferramentas que derivan da súa actividade investigadora.