O BNG visita o Instituto da Lingua Galega
Hoxe recibimos no Instituto da Lingua Galega unha delegación do BNG integrada por Ana Pontón, voceira do partido, a deputada Mercedes Queixas Zas e o deputado Daniel Castro García, que solicitaron manter unha reunión coa directora do noso centro, Elisa Fernández Rei, e coa secretaria, María Álvarez de la Granja.
O obxectivo da xuntanza foi afondar na situación en que se atopa a lingua galega, logo do recente e demoledor informe do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sitúa o uso do galego nun estado crítico. Con esta visita, o BNG engade o ILG na rolda de contactos que está a desenvolver co obxectivo de analizar e atopar respostas á “emerxencia lingüística” actual. Entre os temas tratados destacou o labor de transferencia e investigación que fai o ILG, contribuíndo á normalización lingüística, así como as dificultades do financiamento na investigación.
Tras a reunión, a delegación visitou o Instituto e coñeceu os traballos de investigación que se están a desenvolver na actualidade.