Ana Boullón Agrelo edita un volume sobre toponimia

Data: 
Friday, October 6, 2017 - 13:30
Imaxe: 

A profesora e investigadora do ILG Ana Isabel Boullón Agrelo edita un volume sobre toponimia, titulado Estudar toponimia: aproximacións metodolóxicas e interpretativas.

Este libro reúne sete contribucións presentadas no curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela Toponimia: interpretación e actuación, que tivo lugar en 2013. Nel participaron algúns dos máis sobranceiros investigadores neste ámbito da onomástica, coa intención de configuraren unha visión xeral sobre diversos aspectos do estudo da toponimia: Antón Santamarina ofrece unha panorama da historiografía da toponomástica na Romania, con mención máis demorada dos estudos da toponimia galega, nun traballo que encadra o contido do libro. Seguen unha serie de estudos máis centrados na etimoloxía: Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, exemplifica a pescuda etimolóxica con Miñor, Nigrán, San Fiz, Gondomar, Baiona, con algunhas novas propostas. Antón Palacio mostra a fonda relación entre os nomes de lugares e os nomes de persoa. Carlos Búa ilustra coa palabra veiga (voz común e despois topónimo e apelido) a problemática do estudo dos substratos prelatinos. Outros aspectos máis xerais son aquí tratados por primeira vez, como a clasificación semántica que Paulo Martínez Lema propón para a toponimia galega, e as orientacións de Gonzalo Hermo para o estudo da toponimia medieval. O último dos traballos vén do ámbito xurídico: Alba Nogueira, quen explica o procedemento legal para a fixación dos nomes de lugar. O libro péchase cunha bibliografía selecta que quere servir de guía breve para asomarse ós principais estudos sobre a toponimia galega.

En definitiva, este volume pretende servir de guía para o estudo da toponimia, que toma como referencia a Galicia, pero que serve polas súas orientacións metodolóxicas para o estudo científico dos nomes de lugar de calquera área xeográfica.

Esta obra foi publicada como anexo especial da revista Verba e editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.