Biografías lingüísticas e transmisión do galego: unha mirada crítica
Este curso propón un espazo de reflexión e acción para o profesorado de ensino primario e secundario (especialidades de Lingua galega e literatura e de Lingua castelá e literatura), centrado na conciencia lingüística crítica como metodoloxía que nos permite reflexionar sobre a transmisión interxeracional da lingua galega e a súa incorporación ás biografías lingüísticas do alumnado.
A formación ten como obxectivo recoñecer e valorizar os repertorios lingüísticos do alumnado, promovendo prácticas pedagóxicas inclusivas que integren as TIC como ferramentas de empoderamento e participación. Ao longo das sesións, presentarase unha selección de materiais e experiencias innovadoras que contribúen á revitalización do galego e ao cuestionamento das ideoloxías lingüísticas hexemónicas.
O curso combinará actividades prácticas, análise de biografías lingüísticas e elaboración de proxectos colaborativos, fomentando unha docencia transformadora, comprometida coa diversidade lingüística e cultural.




