Xulio Sousa e Ernesto González Seoane coordinan un manual de lingüística galega editado en De Gruyter
Acaba de saír do prelo Manual of Galician Linguistics, unha obra coordinada por Xulio Sousa e Ernesto González Seoane, investigadores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. A obra, publicada pola editorial alemá De Gruyter, está concibida para servir como traballo de referencia fundamental para o estudo da lingua galega.
No manual, a través das contribucións actualizadas de expertos do ILG e doutras universidades, ofrécese unha presentación detallada do estado da arte nas principais subdisciplinas da lingüística galega, ademais dunha caracterización completa da variedade románica falada no noroeste da península ibérica. O seu deseño e organización segue a tradición das obras de referencia sobre a descrición e estudo das linguas románicas.
Os vinte e catro capítulos do manual pódense atopar na colección Manuals of Romance Linguistics, dirixida polos profesores Günter Holtus da Göttingen Universität e Fernando Sánchez-Miret da Universidad de Salamanca.