Seminario de Eva Moreda sobre paisaxes históricas sonoras na Galicia do XIX
Data:
Jueves, Febrero 12, 2026 - 13:00
Imaxe:

O grupo FILGA da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza o seminario Paisaxes históricas sonoras na Galicia do XIX: entre música, Estudos sonoros e literatura, impartido por Eva Moreda Rodríguez, da University of Glasgow. O encontro, organizado polo investigador do ILG Pablo García Martínez, ten como obxectivo expoñer as potencialidades e oportunidades que a aplicación do concepto paisaxes sonoras históricas (historical soundscapes) pode ter para o estudo da cultura e da historia galegas no século XIX. Trátase dun enfoque que vai máis aló do puro son musical e se adentra nos sons, musicais ou non, que formaban parte da vida cotiá e non cotiá.
O século XIX constitúe un campo de probas fascinante polas súas particularidades: durante esta época, a guerra e o conflito armado, a industrialización e a urbanización non só introduciron novos sons na vida dos galegos e das galegas, senón tamén novas formas de pensar o son, encadradas dentro de discursos sobre ciencia, tecnoloxía, hixiene e nacionalismo musical. O seminario dedica unha atención especial a dilucidar como unha posible relectura de certos textos clásicos, en galego e castelán, desde a perspectiva das paisaxes sonoras históricas pode, por unha parte, ofrecernos máis datos sobre esas paisaxes e, ao mesmo tempo, xerar interpretacións novidosas deses textos.
O evento vai ter lugar o xoves 12 de febreiro, ás 13 h, na sala B15 da Facultade de Filoloxía da USC.





