Reunión do PERTE "Nova Economía da Lingua"
A primeira xuntanza en Galicia do proxecto Nova Economía da Lingua (NEL),que conforma un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) centrado na nova economía da lingua —promovido polo Goberno de España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia—, botou a andar este xoves 13 no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do proxecto Nós, e finalizou esta mañá. A proposta do Estado ten por obxecto impulsar a nova economía dixital baseada na linguaxe natural, aproveitando o potencial de todas as súas linguas como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a Intelixencia Artificial, a tradución, o ensino, a produción e divulgación cultural e, en xeral, a investigación e a ciencia.
NEL pretende desenvolver modelos multilingües de texto, voz e tradución automática que poidan dar resposta ás necesidades da realidade social e estean en liña coa tecnoloxía actual, en que o multilingüismo e a transferencia entre linguas xogan un papel crucial. A participación neste proxecto común artéllase a partir dos distintos subproxectos relacionados coa lingua repartidos por distintos puntos da xeografía estatal. Deste xeito, integran NEL o proxecto Nós, desenvolvido polo ILG e o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela; o proxecto Aina, de Cataluña; o proxecto Vives, da Comunidade Valenciana, e o proxecto Gaitu, de Euskadi.
No que respecta á situación do galego, Elisa Fernández Rei, directora do ILG, reflexionou sobre o papel crucial do PERTE. “Segundo o último informe publicado no proxecto European Language Equality, o galego está practicamente no vagón de cola das linguas europeas, mesmo tendo en conta as non oficiais. Un proxecto como este é un pulo fundamental para poder contribuír con recursos lingüísticos e novas tecnoloxías á mellora da situación do galego e poñelo nunha situación de uso real, nas aplicacións que usamos a diario”, dixo.